O sector da limpeza intensifica a loita por convenios dignos con mobilizacións nas catro provincias

Á folga indefinida de Lugo súmanse paros de 24 horas este mércores día 10 nas provincias de Pontevedra e Ourense e unha protesta na Coruña
Nacional - 08 Xan 2024

O persoal galego da limpeza de edificios e locais aposta por intensificar a loita para reclamar uns convenios provinciais dignos ante o inmobilismo da patronal estatal Aspel, que teima en opoñerse a unha dignificación das condicións laborais. Deste xeito, á folga indefinida que xa superou ou 80 días en Lugo súmanse agora paros de 24 horas en Pontevedra e Ourense e tamén mobilizacións na Coruña este mércores 10 de xaneiro.

Previamente celebraranse asembleas de traballadoras/es convocadas pola CIG este mesmo luns en Ourense (no salón sindical ás 11:00 e ás 16:30 horas) e mañá martes en Vigo (local da CIG ás 17:30 horas), Pontevedra (no salón sindical ás 17:30 horas) e Vilagarcía (local da CIG ás 11:00 e 18:00 horas).

Folga e mobilizacións do mércores 10

Mentres que na Coruña, a asemblea coincidirá coa xornada de loita do mércores 10, tras a que se celebrará unha acción reivindicativa, ás 11:00 horas, na ponte peonil sobre a Avda. Alfonso Molina que une San Vicenzo de Elviña e Xuxán.

Ese mesmo día tamén terá lugar unha concentración diante da Xunta en Lugo ás 11:30 horas. E haberá manifestacións dende a Subdelegación do Goberno en Ourense ás 12:00 horas; dende Vialia ás 12:00 horas e dende o centro comercial Gran Vía de Vigo ás 17:00 horas; dende a praza da Peregrina de Pontevedra ás 12:30 e 19:00 horas; e dende o hospital do Salnés ás 11:00 horas e diante do Concello de Vilagarcía ás 12:00 horas.

Dende a central sindical salientan a importancia da loita que están a desenvolver as traballadoras/es do sector en defensa dos seus dereitos e lembran que tanto o convenio de Lugo como de Ourense contemplan salarios inferiores ao SMI. “Mais as propostas de Aspel non chegan ao salario mínimo; mentres que en Pontevedra ofrecen unha suba de soldos do 2.66 %, por debaixo do IPC real de 2023”.