O sector de ambulancias clama por un convenio digno e un servizo de calidade
Traballadoras e traballadores do sector de ambulancias percorreron esta mañá as rúas de Compostela, desde a Estación de Tren até o edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano, “Por un convenio digno e un servizo público de calidade”. O persoal leva meses mobilizándose en demanda de que se negocie o convenio, paralizado desde hai 3 anos, e agora, cando por fin se reuniu por primeira vez a mesa queren impedir que se intenten empeorar as súas condicións.
“Este sector xa tivo dous convenios con folga, o cal indica que temos unha patronal e unha Xunta de Galiza moi dura contra nós e se non nos movemos, non imos conseguir nada”, lembraba ao inicio da protesta Xesús Pastoriza, responsábel do sector de Transporte da FGAMT-CIG.
Por iso sinalaba que aínda que se celebrou esa primeira xuntanza da mesa “iso non dá garantía ningunha de que vaia por onde nós queremos” e aseguraba que desde a central sindical “cremos que pode ser a presión na rúa a que pode forzar á patronal e a Xunta de Galiza a sentarse para asinar un convenio digno neste sector. Sentarse por sentarse non vale para nada e temos o exemplo de moitos convenios que foron á baixa”.
Descolgue do convenio
O responsábel do sector lembrou ademais os intentos das empresas –todas- de descolgarse do convenio. Intentos que foron retirados e que só mantivo Ambuibérica, polo que advertiu de que, “polo feito de que vaia para adiante o convenio non significa que Ambuibérica que non poda seguir con ese tema”.
Ambuibérica pedía un 25% de rebaixa no convenio, nun 18% en cuestións económicas e no resto cuestións sociais, como permisos retribuídos, temas de baixas… A empresa xustificaba o descolgue argüíndo que os cartos da concesión non lle daban para afrontar os gastos en persoal e demais.
Sobre esta cuestión Pastoriza lembrou que tanto para o transporte sanitario urxente como para o non urxente, aínda que sobre todo no caso do primeiro, as concesións saíron a concurso cuns orzamentos por debaixo de custes en case todos os contratos. “Respecto deses orzamentos as empresas aínda rebaixaron máis as súas propostas”. Isto foi o que provocou as mobilizacións dos últimos anos porque “as empresas e a Xunta pensaban que o persoal ía asumir as condicións anteriores, por debaixo de convenio, pero no que a CIG ten a maioría pon como condición sine qua non o cumprimento estrito do convenio e un cero por cen de rebaixas. Diante disto as empresas teñen un problema, porque o orzamentado non lles dá. Pero é o seu problema terse presentado por debaixo de oferta”.
Ás concesións de transporte sanitario urxente se lle acaba o contrato en outubro do ano que vén. O non urxente en outubro de 2020. Ante isto Pastoriza agarda que as empresas aprenderan a lección e que “tanto a Xunta dote orzamentariamente ben os contratos e que as propias empresas non vaian por debaixo”.
Renovación da flota de ambulancias
Nos contratos está disposto que aos dous anos as empresas teñen que renovar a flota. “Renovar a flota quere dicir renovala, poñer coches novos”, especifica o responsábel do sector de Transporte da FGAMT. Porén, o que están é facendo “a trampa consentida pola Xunta de pasarse dunha empresa a outra as ambulancias” co cal hai unha falsa renovación de da flota. Por iso con esta mobilización exixíase tamén da Xunta “o cumprimento estrito dos contratos”.
A este respecto lembrou que representantes das traballadoras/es tiveron recentemente unha reunión co grupo parlamentario popular, en concreto co portavoz de sanidade, e o que lle exixiron “que se cumpra estritamente o contrato” e que a Xunta de Galiza “asuma ademais a súa obriga fiscalizadora e inspectora para comprobar que a flota non está renovada senón que hai un intercambio de ambulancias”.