O sector industrial xa non é quen de tirar do emprego en Galiza

Os datos constatan que a suba do SMI non tivo impacto no paro rexistrado
Nacional - 03 Mar 2020

As persoas inscritas como desempregadas no mes de febreiro de 2020 alcanzaron as 166.229, un 0,91% menos que no mes anterior; en termos absolutos equivale a 1.526 desempregados/as menos. De media, no estado español o descenso foi dun 0,24%. Esta similitude con anos anteriores, evidencia claramente como o incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) non tivo incidencia na evolución do emprego e que é a evolución da actividade económica, e non os salarios, o que marca a creación de emprego, contradicindo claramente as previsións catastrofistas de  algunhas institución.

A tendencia é a esperada para o mes de febreiro, que é un mes onde historicamente se  produce unha leve redución do desemprego, e 2020 non é unha excepción.

Porén, onde si se aprecian certa inflexión é na evolución sectorial. O descenso do desemprego afectou  a todos os  sectores produtivos, ( -0,36% na industria,  - 1,68% en construción e -1,03% no sector servizos). Mais, se ben en anos anteriores eran no sector industrial e no da construción nos que se reducían o paro en maior medida, no último febreiro o sector servizos supera amplamente ao industrial. Un signo máis dos problemas que está padecendo a industria en Galiza.

Precisamos unha verdadeira política industrial

Así o advirte o secretario confederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle, para quen é imprescindible que se desenvolva en Galiza unha verdadeira política industrial, fronte á obsesión do goberno do PP, á fronte da Xunta por promover o sector Servizos, onde máis precariedade hai, limitando as expectativas económicas do noso país a que haxa un bo Xacobeo.

Por iso denuncia a "inacción total" de Feixóo diante do desmantelamento industrial que estamos padecendo, a consecuencia da chamada descarbonización, a problemática da industria electrointensivas, do sector naval, do automóbil e doutros sectores industriais que “en Galiza están abandonados, malia ter a Xunta competencias na materia que non exerce, demostrando que unha cousa é ter competencias, e outra cousa é ser competente”.

Elevada temporalidade

A pesar do leve descenso das persoas paradas, a contratación foi moi elevada, concretamente foron 72.432 os contratos rexistrados no SEPE en Galiza, o 76% dos mesmos no sector servizos. Esta elevada contratación denota, unha vez máis, a alta rotación e a escasa duración da maioría dos contratos en Galiza.

Diante desta situación Cartelle denuncia a cada vez maior precariedade, temporalidade, parcialidade e desigualdade do mundo do traballo en Galiza e demanda, para favorecer a creación de emprego de calidade, a derrogación das reformas laborais do PP e do PSOE e da negociación colectiva.

Xunto a isto demanda un cambio de rumbo nas políticas económicas e laborais, porque “seguir aplicando as mesmas políticas vai ter as mesmas consecuencias”.

O secretario confederal de Emprego chama “á participación, á mobilización social, a saír á rúa” nas mobilizacións convocadas pola CIG en todas as comarcas para o vindeiro 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, baixo o lema “Pola recuperación de dereitos. Na Galiza salarios e pensións dignas”.