O Sergas consolida “pola porta de atrás” o novo modelo de Atención Primaria coa categoría FEAP

A CIG-Saúde denuncia que o sistema que se está a implementar rompe coa estrutura “tradicional e eficaz” deste servizo sanitario
Nacional - 05 Xun 2025

A CIG-Saúde denuncia que o concurso de traslados aberto e permanente de 2025 continúa afondando na consolidación da categoría de Facultativo/a Especialista de Atención Primaria (FEAP), “o que evidencia o cambio de modelo asistencial que o Sergas se empeña en negar”.

Aínda que desde a Consellaría de Sanidade se insiste en que non se está a modificar o modelo de Atención Primaria en Galiza, “a realidade demostra o contrario”. Cada ano aumentan as prazas ofertadas para FEAP, profesionais que teñen que facer a súa xornada ordinaria nos centros de saúde e gardas obrigatorias nos PAC que teñan asignados, “consolidando así un sistema que rompe coa estrutura tradicional e eficaz da Atención Primaria galega”. 

A expansión desta nova categoría non está a resolve problema como a falta de profesionais, o colapso nos centros de saúde ou o aumento das listas de agarda

Dende a central sindical reiteran que a creación e expansión desta nova categoría non está a resolver os graves problemas que sofre a Atención Primaria, como a falta de profesionais, o colapso nos centros de saúde ou o aumento das listas de agarda. Pola contra, o Sergas evita calquera diálogo serio para analizar as necesidades reais do sistema,” desbotando a posibilidade de negociar un plan de ordenación rigoroso e adaptado á realidade sanitaria”.

A CIG-Saúde mantén a súa aposta por un único modelo asistencial, baseado na figura da/o médica/o de familia con dobre prestación en PAC ou no centro de saúde, “porque entendemos que é a única vía para garantir a continuidade asistencial, a cobertura dos centros e unha atención digna e de calidade para toda a cidadanía”.

Volver ao modelo de “consultas + gardas”, como propón de facto o Sergas co FEAP, non só é un retroceso, senón que está demostrando ser ineficaz: multiplícanse as quendas sen cubrir e os centros quedan sen profesionais en franxas cruciais, o que agrava o colapso do sistema e fai medrar as listas de agarda.

  • Por todo isto, desde a CIG-Saúde esixen:

-O cesamento inmediato na expansión da categoría de FEAP.

-O freo ao cambio encuberto do modelo de Atención Primaria.

-A negociación dun plan real de ordenación e reforzo da Atención Primaria.

“A cidadanía galega merece unha Atención Primaria pública, eficaz, ben dotada e de calidade. Non permitiremos que se siga desmantelando en silencio un dos piares fundamentais do noso sistema sanitario”, rematan.