• Nova

O Xulgado anula os calendarios laborais que Ferrovial Servizos lle impuxo ao seu persoal

A empresa ten a concesión das instalacións deportivas municipais do Concello da Coruña
A Coruña - 06 Out 2017

Ferrovial Servizos (empresa que se encarga da xestión das instalacións deportivas municipais da Coruña) acaba de ser condenada a anular a modificación das condicións laborais que lle impuxo de xeito unilateral aos seus traballadores e traballadoras o pasado mes de febreiro. Esta modificación supuxo un cambio nas súas quendas e horarios, que empeoraban substancialmente as que existían até ese momento e dificultaban a conciliación da vida laboral e familiar.

Neste proceso, denuncia a CIG-Servizos da Coruña, Ferrovial converteu o período de negociación que obriga a lei "nunha burla aos traballadores e traballadoras desprezando as propostas presentadas polo comité e escamoteando información imprescindíbel". De feito, tal e como se subliña na sentenza xudicial, a empresa non  tivo vontade negociadora, incumpriu os prazos legalmente estabelecidos, non achegou a información correspondente á representación social e nin sequera comunicou a causa obxectiva para aplicar os cambios de horarios e xornadas.

Neste senso, dende o Comité sempre entenderon que a decisión da empresa non respondía a causas obxectivas, senón que era unha represalia polas denuncias presentadas na Inspección de Traballo sobre a cobertura das baixas médicas, vacacións e libranzas con persoas da bolsa de traballo e polo exceso de xornada. Denuncias que levaron a que a autoridade laboral levantara de acta de infracción contra a empresa.

Prexuízos tamén para os/as usuarios/as

Pero ademais dos prexuízos causados aos traballadores/as, "os novos calendarios impostos produciron un empeoramento no servizo á cidadanía, con continuos cambios e traslados de persoal por todas as instalacións deportivas da Coruña". Ante esta situación, o Comité puxo en coñecemento do Concello estas e outras moitas irregularidades que comete a concesionaria para que aplicase as medidas oportunas e obrigara a Ferrovial a respectar os dereitos dos traballadores, "mais sen lograr ningún resultado".

Diante desta situación, a CIG presentou conflito colectivo no Xulgado do Social, que acaba de ditar sentenza que declara nula a decisión da empresa de modificar os calendarios debido a que “non negociou de acordo aos principios de boa fe”. Tamén obriga a Ferrovial a repoñer os traballadores e traballadoras nas condicións anteriores.

Desde a CIG-Servizos lamentan "a continua vulneración dos dereitos dos traballadores de Ferrovial e doutras concesionarias de servizos públicos e a pasividade dos responsábeis municipais ante estas situacións".