O xulgado condena a Carrefour Lugo a indemnizar un traballador por denegarlle o seu dereito a conciliar

A multinacional terá que adaptarlle o horario e pagarlle 2500€ polo danos morais
Lugo - 04 Xul 2022

O xulgado do Social número 2 de Lugo vén de condenar a Carrefour Lugo a indemnizar con 2500€ un traballador tras denegarlle o seu dereito a conciliar. O traballador solicitara unha adaptación horaria para poder coidar do seu fillo, mais a multinacional denegoulle esta medida, imposibilitando así que puidera facerse cargo da súa crianza.

Na propia resolución xudicial considérase que o benestar do cativo prevalece sobre calquera cuestión organizativa empresarial, máxime cando ninguén se pode facer cargo do seu coidado ao traballar a nai en horario de tarde e non existir sequera na cidade escolas infantís con horario de apertura até ás 22h.

A sección sindical da CIG lembra que Carrefour Lugo denega de maneira reiterada os dereitos de conciliación da vida laboral e familiar dos seus traballadores e traballadoras, véndose así obrigados/as ter que recorrer aos xulgados para poder facer efectivo o exercicio destes dereitos.

Denegación sistemática e presións

A CIG denuncia o trato que esta multinacional lles dá ao persoal que solicitan os dereitos recollidos na lexislación para poder coidar das súas crianzas, denegando calquera medida de conciliación por razóns que non se axustan á realidade do centro e exercendo presións para que o persoal modifique a medida solicitada e se adapte ao que a empresa quere.

Estas prácticas empresariais supoñen un auténtico calvario para as nais e pais do centro de Lugo ao atoparse con enormes dificultades para poder coidar das súas crianzas. "Carrefour é unha empresa sen cultura de conciliación, na que prima o presentismo laboral e na que non se mira polo benestar nin a saúde do seus traballadores e traballadoras, abocándoas a recorrer aos xulgados para que se lle recoñezan os seus dereitos", critican.

Front a isto, e con esta nova sentenza na man, a sección sindical reclámalle a Carrefour Lugo un cambio na súa política, que respecte o exercicio dos dereitos recollidos na lexislación e deixe de boicotear a conciliación da vida laboral e familiar do seu persoal.