Recoñecida a relación laboral do persoal que durante anos traballou como falso autónomo en Novafrigsa

Prestaban servizos na empresa (do Grupo Coren) a través da falsa cooperativa Servicarne

Lugo -

O Xulgado do Social número de 3 de Lugo vén recoñecer a existencia da relación laboral entre Novafrigsa (do Grupo Coren) e os centos de traballadores e traballadoras que desenvolvían a súa actividade nos matadoiros desta empresa como persoal falso autónomo a través da cooperativa Servicarne. A resolución xudicial, que se suma a outras previas, recoñece o que a CIG leva anos denunciando sobre a situación de fraude e explotación masiva que se está a dar na industria cárnica a través da fórmula dos falsos autónomos.

A demanda contra Novafrigsa e Servicarne foi presentada de oficio pola Seguridade Social a raíz da campaña de denuncia iniciada pola CIG en 2016 contra a explotación laboral que sofren os traballadores e traballadoras dos grandes matadoiros galegos, co Grupo Coren e a cooperativa instrumental Servicarne no seu epicentro.

Sobre o contido da sentenza, o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, destaca a súa contundencia á hora e desmontar punto por punto os argumentos de ambas empresas para xustificar este sistema de contratación que constitúe unha fraude de lei, xa que o obxectivo era ocultar a relación laboral entre Novafrigsa e os traballadores e traballadoras que lle prestaban servizo a través de Servicarne, "e deste xeito ter man de obra barata á que explotar sen cumprir os convenios colectivos nin o Estatuto dos Traballadores/as".

A este respecto, Niño explica que este persoal  realizaba o seu traballo "en condicións lamentábeis, cuns ritmos inhumanos, cuns salarios miserentos que dependían dos quilos ou o número de pezas despezadas, sen dereito a vacacións pagadas, nin a permisos retribuídos e sen que se lle retribuíran as horas extraordinarias que facían a diario".

O persoal acudía directamente a darse de alta como socio/a de Servicarne

A estafa deste sistema resulta tan obvia, que na propia sentenza recóllese que aquelas persoas que se dirixían a Navofrigsa en busca de emprego eran remitidas a Servicarne, indicándoselles que para prestar servizos tiñan que darse de alta como socios e socias da falsa cooperativa. Até chegar ao punto de que os propios traballadores/as, coñecendo esta condición, xa se dirixían directamente a Servicarne para darse de alta. "Esta resolución debería ser un exemplo para erradicar esta fórmula de falsos autónomos que se pretende xeneralizar no mercado laboral", asevera Niño.

A sentenza, que aínda non é firme, implica que Novafrigsa ten que dar de alta a este persoal no Réxime Xeral da Seguridade Social con efectos retroactivos e abre a porta a que os traballadores/as poidan reclamar a devolución ou compensación das cotas que estiveron abonando como persoal autónomo. Neste senso, o secretario comarcal da CIG de Lugo chama ás empresas a asumir a súa responsabilidade con este persoal e non recorrer a resolución xudicial.

A maiores do caso de Novafrigsa, na provincia de Lugo está pendente de sentenza polo mesmo motivo, a demanda contra Frigolouro (tamén do Grupo Coren) e o grupo avícola SADA. O que revela o estendido que está este tipo de fraude e a enorme explotación que hai neste sector.

Alta de oficio de miles de traballadores/as

Cómpre lembrar que a presión da CIG neste conflito derivou na creación dunha dirección especial na Inspección adscrita á autoridade central e ás direccións territoriais que rematou coa alta de oficio na Seguridade Social de miles de traballadores e traballadoras e que as empresas cárnicas lles tiveran que aplicar as condicións laborais do resto do seu cadro de persoal. Así como a descualificación de Servicarne como cooperativa por parte do Ministerio de Traballo.

Porén, a día de hoxe este persoal ten que seguir a pelexar para que as empresas principais lles recoñezan e apliquen todos os seus dereitos laborais e salariais.

Volver