O xulgado recoñece a relación laboral entre a empresa SADA e o persoal falso autónomo que traballa nos seus matadoiros
O xulgado do Social número 2 de Lugo acaba de emitir sentenza recoñecendo a existencia da relación laboral entre SADA PA Castilla Galicia SA e o persoal que lle prestaba servizos nos matadoiros de aves e coellos que a empresa ten na provincia como falso autónomo. A CIG valora moi positivamente esta nova resolución, que se vén sumar a outras anteriores polos mesmos feitos, a raíz da campaña de denuncias iniciada hai anos pola central sindical e moitos dos traballadores e traballadoras afectadas.
A sentenza, explica o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, constata unha vez máis "o que levamos anos denunciando, que a utilización da cooperativa Servicarne como fórmula para contratar falsos autónomos era unha fraude e unha estafa e que se obrigaba a centos de traballadores e traballadoras a pasar por esta forma de explotación para poder traballar en condicións que supoñían unha importante rebaixa dos dereitos salariais, laborais e de cobertura doutras prestacións sociais".
Hai que lembrar que estes traballadores e traballadoras xa foran dadas de alta de oficio no Réxime Xeral da Seguridade Social a instancias da Inspección de Traballo, que determinou a existencia dunha fraude masiva na contratación no sector cárnico (no caso de Galiza encabezada polo Grupo Coren e SADA) a través da falsa cooperativa Servicarne. Sociedade que foi descualificada polo Ministerio de Traballo como cooperativa.
Mais a pesar da alta forzosa na SS, a empresa intentou perpetuar a situación de precariedade destes traballadores/as, negándose a asumir a totalidade do persoal e chegando a realizar un proceso de selección a través do que pretendía modificarlle as condicións laborais para poder acceder aos seus postos. Neste proceso tamén houbo despedimentos, razón pola que, explica Niño, están pendentes de resolverse varias as denuncias; e non faltaron tampouco as represalias por parte do Grupo SADA contra persoas que formaron parte da candidatura da CIG, que gañou as eleccións celebradas en decembro pasado na factoría de Castro Ribeiras de Lea.
O obxectivo deste sistema era sortear a normativa laboral
Sobre a evidente relación laboral que existía entre este persoal e SADA, na propia resolución dise que a avícola rescindiu o contrato con Servicarne "a consecuencia de toda esta voráxine que se lles viña enriba", mais isto non significou para as traballadoras/es ningún cambio a respecto do traballo que viñan facendo, máis alá de concretárselle o seu horario laboral e ter que fichar.
Neste senso, en todo o texto evidénciase que o único obxectivo deste sistema de contratación era sortear a normativa do traballo e ignorar as garantías laborais e os dereitos inherentes á contratación por conta allea. A tal punto, que se afirma con rotundidade que o "empresario real na sombra" (sic) neste caso é "claramente SADA", lembrándolle a ambas empresas que "hai que cumprir o modelo legal tal como se regula, non só na aparencia".
Pois as condicións deste persoal eran totalmente precarias, cotizando pola base mínima no réxime de autónomos, facendo xornadas a quendas sen hora definida de saída (xa que dependía dos pedidos diarios e da hora de entrega aos camións de reparto), cobrando en funcións dos kg/hora realizados, sen dereito a descansos ou vacacións retribuídas, sen cobrar as horas extraordinarias e tendo que abonar, ademais, unha cota mensual de socio.
A sentenza rexeita de maneira contundente todos e cada un dos argumentos esgrimidos tanto por SADA como por Servicarne e trata con dureza os burdos intentos de ambas compañías de entorpecer o normal desenvolvemento do proceso xudicial, cuestionando a actuación da inspectora de Traballo e presentando argumentos tan ridículos para suspender as vistas como que non había transporte para chegar a Lugo ou hotel no que o avogado se puidera aloxar.