Os atrancos Trump, as fronteiras "abertas" e a "inmigración ilegal"

Adrián Sotelo Valencia - 04 Out 2019

A opción de substituír a forza de traballo documentada ou indocumentada, que é deportada polo goberno de EEUU, por forza de traballo local constitúe un proceso a longo prazo, complexo e oneroso cuxa concreción no mundo de traballo é extremadamente incerta e máis nas condicións actuais de crise e decadencia do capitalismo mundial

 Na 74ª Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU), realizada o 24 de setembro de 2019 en Nova York, antecedido dunha furibunda parolada anticomunista, por enésima vez Trump arremeteu con carraxe contra o que denominou as “fronteiras abertas” e a “inmigración ilegal”, ao mesmo tempo que defendeu as “medidas sen precedentes” que tomou o seu Goberno, xunto co mexicano e os do chamado Triángulo Norte de Centroamérica (Guatemala, Honduras e O Salvador), para alcanzar ese obxectivo.

 Evidentemente que se trata dunha falacia supoñer que EEUU tivo as súas “fronteiras abertas”, sendo que, historicamente, polo menos desde a década os sesenta do século pasado, sempre utilizou contra os inmigrantes un poderoso aparello de control e de represión (como a Patrulla de Fronteiras), á beira de diversas forzas privadas supremacistas antiinmigrantes que interactúan co Estado para controlar e/ou sufocar os fluxos migratorios de acordo cos seus intereses xeopolíticos e estratéxicos enraizados na Doutrina Monroe e nas relacións de forza que lle confire a súa condición imperialista.

 Como sabemos, a inmigración de centos de miles de persoas desde o sur do continente, de Centroamérica e México cara a EEUU, sempre foi enormemente favorábel para o capital norteamericano e as súas grandes empresas transnacionais que superexplotan unha forza de traballo abundante, rotativa, flexíbel e barata que xera unha enorme acumulación de capital e o incremento inusitado das taxas de ganancia.

 Na agricultura, nos servizos comerciais e turísticos, como a hostalaría, mesmo na industria ou no traballo doméstico, os traballadores indocumentados son remunerados con moi baixos salarios, con empregos precarios e temporais e altísimas taxas de explotación e, en xeral, carentes de dereitos e sen posibilidades de reclamalos so pena de ser detidos e deportados se o chegan a facer.

 É a total indefensión xurídico-política deses seres humanos considerados peor que animais polas clases dominantes supremacistas dentro dun territorio e Estado hostís onde de facto e de principio son cualificados de “delincuentes” como premisa deliberada para sometelos e dominalos se tentan protestar ou defender os seus dereitos humanos.

 O goberno norteamericano sempre se valeu da “inmigración ilegal”, non soamente para axudar a satisfacer a demanda de traballo, senón para manter un pretexto funcional para exercer a súa dominación sobre os países expulsores de traballadores indocumentados, baixo as condicións que impoña para outorgar ou non a chamada “axuda” a eses países.

 Unha das grandes incógnitas que levanta a política supremacista e xenófoba de Washington en materia de fronteiras pechadas é a relativa a como e con quen se vai substituír esa forza de traballo que é expulsada de EEUU ou impedida de ingresar. Posto que os traballadores norteamericanos, brancos, non estarían dispostos a ocupar as vacantes que deixasen os deportados (mexicanos e centroamericanos que suman ao redor de 80.000 persoas na actualidade, ou doutras nacionalidades) con salarios moi por baixo da media do que perciben os traballadores en xeral. E esta situación vaise exacerbar co recente anuncio da Administración de Donald Trump de realizar un novo recorte na cota de admisión, a cal pasa de 30.000 a 18.000 refuxiados aceptados durante os próximos 12 meses, moi por baixo dos 110.000 que ingresaron en 2016 durante o goberno Obama.

 Unha posíbel resposta á hipótese suscitada anteriormente, polo demais requirida de ser profundada, consiste na crenza do goberno Trump de que a súa política proteccionista que, mesmo, intenta impoñer pola forza no mundo, rehabilitará o seu poderío industrial e financeiro contando para iso co aínda non aprobado Tratado México, EEUU e Canadá (T-MEC) que beneficia principalmente as empresas norteamericanas a partir das vantaxes que lle outorgan as chamadas “regras de orixe” nas relacións comerciais con Canadá e, sobre todo, con México.

 Teoricamente iso posibilitaría aumentar os salarios nas mencionadas actividades ocupadas polos traballadores expulsados sobre todo pola imposición de impostos compensatorios de arredor do 3% en virtude de que ese tratado estipula que, en ramas dinámicas como a automotriz terminal, o 40% da fabricación total deberá ser efectuada por traballadores especializados que devindiquen salarios de 16 dólares por hora. De non ser así, impoñerase un “imposto compensatorio” que beneficia a EEUU onde os salarios medios son até 10 veces máis altos que en México, e isto posibilita unha especie de transferencia de valor e salarial favorábel a EEUU que, de principio, teoricamente, serviría para mellorar os salarios e facelos “atractivos” para certas capas de traballadores, os máis precarios e vulnerábeis, pero norteamericanos á fin e proclives a votar por Trump; ou os que, aínda sendo latinoamericanos e permanezan nese país, para ocupar as prazas que deixan os traballadores, legais ou non, deportados ou retidos nas fronteiras.

 Esta é unha primeira ollada a unha posíbel resposta que, necesariamente, terá que ir acompañada doutra serie de medidas de política económica como o aumento do salario mínimo en EEUU, por riba do que actualmente págase e que é de 7.5 dólares por hora para facer un pouco máis “atractivos” eses empregos precarios e temporais, até o de agora indesexábeis para a gran maioría dos cidadáns; redución de impostos, estímulos fiscais e outros.

 Porén, isto é apenas unha elucubración cuxa concreción depende de múltiplas e complexas circunstancias nuns EEUU incrustados nun mundo capitalista en crise que se desborda cara á súa bancarrota na época histórica da súa decadencia.

 Independentemente de que as análises oficiais e dos organismos internacionais aseguren que ese país experimentou un das etapas máis longas de “expansión”, a realidade é que o sistema capitalista acusa taxas compostas de crecemento medio por baixo do 3%: un límite que, segundo Harvey (en: O enigma do capital e as crises do capitalismo, BOITEMPO; São Paulo, 2012, p. 109) é necesario para que o capitalismo “poida sobrevivir a longo prazo”; é dicir, en termos de Marx: para que poida garantir, nos límites permisíbeis da súa “reprodución ampliada”, unha escala non necesariamente crecente pero que impida a caída da taxa de ganancia e, en última instancia, a súa caída. Se prescindimos de China, da India, de Nixeria ou de Sudáfrica, por exemplo, a media de crecemento do capitalismo occidental “clásico” caería como un castelo de naipes; non se diga xa en países situados na chamada “eurozona” no contorno da Unión Europea.

 Destas consideracións pódense tirar dúas conclusións.

En primeiro lugar a opción de substituír a forza de traballo documentada ou indocumentada, que é deportada polo goberno de EEUU, por forza de traballo local constitúe un proceso a longo prazo, complexo e oneroso cuxa concreción no mundo de traballo é extremadamente incerta e máis nas condicións actuais de crise e decadencia do capitalismo mundial.

 En segundo lugar, malia a intensificación dos controis migratorios auspiciados e ordenados pola administración Trump, en conxunción cos gobernos de México e de Centroamérica, até o de agora a inmigración seguirá o seu afanado curso, como está acontecendo, debido á necesidade do capitalismo imperialista de dispoñer todo o tempo de forza de traballo como unha condición estrutural e sistémica da división internacional do traballo e a reprodución do capital que posibilite a súa permanencia.

 Para rematar, e non menos importante na actual conxuntura mundial e latinoamericana, mentres prevalezan os gobernos autoritarios e excluíntes nos países expulsores de Centroamérica, como Honduras, Guatemala e O Salvador, que exacerban as súas condicións de subdesenvolvemento, de dependencia e de atraso económico e social e que as políticas en curso están moi lonxe de superar.

 Dialecticamente articulados eses tres factores: a) as dificultades para substituír con forza de traballo non inmigrante as actividades de natureza precaria que deixan os traballadores indocumentados que son deportados; b) a continuidade dos fluxos migratorios aínda que por outras vías “ilegais” e, para rematar, c) a prevalencia dos réximes autoritarios e represivos xeradores de marxinalidade social, concentración do ingreso, desemprego, violencia, pobreza e pobreza extrema e exclusións, redimensionan os novos fluxos migratorios (inmigración e emigración) nos que, malia as políticas xenófobas e restritivas do goberno norteamericano, seguirán o seu curso dentro das xeografías inhóspitas das “fronteiras pechadas” e da perniciosa “inmigración ilegal”.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 30 de setembro de 2019]