Os condutores da liña do aeroporto de Santiago exixen solucións no Concello

Interviñeron no pleno municipal que debateu dúas iniciativas sobre a súa situación
Compostela - 27 Out 2022

Esta mañá interveu no pleno municipal David Rouco, en representación dos condutores da liña do Aeroporto de Saniago-Rosalía de Castro que non foron subrogados cando ese servizo foi asumido polo concello de Santiago en decembro de 2020. Fíxoo no marco de dúas iniciativas do BNG e Compostela Aberta sobre a súa situación nas que se demanda que o concello se implique na busca dunha solución de cara ao novo prego de condicións do transporte urbano.

Os traballadores responsabilizan directamente á Xunta de Goberno compostelá da situación na que se atoparon en 2020 por ter sacado unha orde para Tralusa, a empresa do Grupo Monbus que ten a xestión do resto do transporte urbano, na que lle obrigaba a facerse cargo desa liña, e ademais a facelo cos seus propios medios persoais. Desa maneira Tralusa tivo a escusa perfecta para non subrogar aos traballadores que levaban anos nese servizo Algo que posteriormente as sentenzas de despedimento e dos recursos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza están a deixar claro que foi absolutamente irregular.

Denuncian ademais o “abafante trato de favor” cara as empresas de Raúl López no concello de Santiago a quen se lle permite todo a pesar de prestar un servizo deficiente e que acumula innumerábeis queixas veciñais.

Por iso exixen agora ao concello, e en particular ao alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, “que se deixen de botar balóns fora”, asuman a súa responsabilidade e busquen unha solución que garanta a volta aos seus postos de traballo. Na liña das iniciativas municipais exixen que se aproveiten os novos retrasos na publicación dos pregos do transporte urbano para incluír a súa subrogación. 

Aquí podes ler a intervención completa:

Bos días, como poden comprobar pola miña presenza aquí, os condutores da liña do aeroporto que non fomos subrogados en decembro de 2020 seguimos agardando por que se fagan realidade algunha das palabras dadas tanto polo concello como pola empresa en todo este tempo. E a punto de cumprirse dous anos desa desfeita imos fartos xa de mentiras e de ver botar balóns fora.

Só unhas horas despois de que se nos deixara sen traballo dun día para outro por culpa da Xunta de Goberno do Concello de Santiago, o noso alcalde afirmaba nunha roda de prensa, nada menos, que os traballadores estábamos mentindo e que non existía dereito á subrogación para nós. Ninguén se fai cargo do dano que fai iso cando acabas de perder o teu medio de vida na véspera da noiteboa, e que a túa familia, veciños e amizades che pregunten porque en todos os medios de comunicación sae o alcalde dicindo que es un mentireiro e non tés dereito a seguir traballando no que levabas tanto tampo.

O texto da Xunta de Goberno di literalmente que Tralusa debe de facerse cargo “cos seus propios medios materiais e persoais” deste servizo prolongando a liña 9. E esa referencia fraudulenta aos medios persoais propios que toda a Xunta de Goberno aprobou non se axustaba nen á legalidade do noso convenio nin do acordo autonómico de subrogación vixente no sector desde 2017. Pero foi o que permitiu que Tralusa, do Grupo Monbus e propiedade de Raúl López, puidera deixarnos na rúa ese día. Porque o que se lle estaba dicindo é que non podía empregarnos a nós, como debería ter sido, que tiña que poñer os seus propios medios persoais, para o que se contrataron a 10 persoas no noso sitio. De non ser así estaríamos hoxe traballando coa normalidade como víñamos facendo desde había anos, nalgún caso máis de 30.

Esa fatídica mañá viñemos ao concello porque non entendíamos que estaba pasando e Gonzalo Muíños aínda nos negaba que na Xunta de Goberno tiveran acordado iso e dixo que se falaría coa empresa. Claro, el non sabía que nese mesmo momento o alcalde Bugallo nos estaba insultando nos medios de comunicación, como se nós tivéramos feito algo malo e tivéramos algunha responsabilidade en perdermos o noso posto de traballo.

Pero a mentira ten as patas moi curtas e ao pouco tempo saíron as primeiras sentenzas que nos daban a razón a nós e que demostraban que quen non decía a verdade era o alcalde e que o concello, a vista da lexislación laboral, si que tiña que ter contemplado a subrogación e os nosos despedimentos eran improcedentes. Nada de medios propios. Segundo as diferentes xuízas que emitiron sentenzas, non había outra maneira de facelo, de feito. A resposta do concello, outra vez na prensa e por boca do alcalde, era agora que estes xuízos eran algo entre empresa e os traballadores e que non tiñan nada que ver. 

E como non ían ter que ver se en todas as sentenzas (8) en diferentes Xulgados do Social de Santiago e logo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (que as está confirmando todas) o que din é que precisamente por ser semellante “erro” responsabilidade do concello e non da empresa é que Monbus puido terse acollido a pagar as nosas indemnizacións e non devolvernos o noso posto de traballo, a pesar da improcedencia. É decir, se non tivera a Xunta de Goberno feito tal despropósito de texto, nós hoxe estaríamos traballando e os despedimentos serían nulos. 

E a partir de aí todo foron balóns fora. Parece que neste goberno municipal manda máis Raúl López que o alcalde ou o concelleiro de mobilidade. Segundo se nos dixo, o empresario comprometeuse no concello, diante dos grupos municipais, a darnos traballo aínda que non se nos readmitira. Pois levamos dous anos agardando. No transporte urbano entraron nestes dous anos máis de 30 traballadores, moitos deles precisamente para as liñas que nós realizábamos ao aeroporto. A nós nunca se nos chamou.  

O trato de favor a Monbus é abafante, nas instalacións municipais de Amio ou na Estación de Autobuses, por exemplo. Aí están as queixas contra esta empresa dos usuarios e usuarias, das Anpas ou estudantes polo deterioro do servizo. E todos aquí sabemos, que dunha maneira ou outra, as nosas indemnizacións tamén as van pagar os veciños e veciñas de Santiago.

Pero non estamos aquí para tentar limpar o noso nome despois de tanta calumnia, senón porque sabemos que se se quere, e hai vontade política, o asunto pódese solucionar aínda. Porque para ben ou para mal hai un novo concurso aínda sen publicar e aí (repito) se se quere pódese poñer unha solución. 

Desde o principio, desde a nosa parte puxemos riba da mesa posibilidades legais para arranxar este despropósito e nas que se implicaría tamén o Consello Galego de Relacións Laborais e que serían de obrigado cumprimento para o concello pero tamén para a empresa que gañara o seguinte concurso do transporte urbano. Esta posibilidade foi explicada a todos os grupos municipais e en dúas reunións á asesoría xurídica do concello, quen manifestou diante nosa e do concelleiro de mobilidade que eran factibles, perfectamente legais e unha boa solución para o concello. Quen non quixo: Raúl López. E como non quixo Raúl, non se fixo. 

Pero queremos pensar que este pleno algo poderá facer para retomar esa vía ou impoñer outra que teña o mesmo resultado. Por iso queremos saber que é o que vai facer este concello para arranxar semellante desfeita e o atropelo aos nosos dereitos que cometeu o grupo de goberno e repoñernos, dunha vez, nos nosos postos de traballo. 

Moitas grazas.