Os condutores da liña Santiago aeroporto advirten que o conflito non rematará mentres non sexan readmitidos

Manifestáronse en demanda de que o concello poña o orzamento necesario para garantir os empregos
Compostela - 11 Mai 2021

Os condutores da liña de transporte urbano Santiago-aeroporto recibiron esta mañá a solidariedade de veciñas e veciños, usuarias e compañeiros e compañeiras da CIG que se sumaron á manifestación que percorreu as rúas da capital de Galiza en apoio ás súas demandas. Unha mobilización na que advertiron que o conflito non rematará até que recuperen os seus postos de traballo.

Neste sentido, antes de se iniciar a marcha, que partiu da igrexa do Pilar, no lateral da Alameda compostelá e rematou na Praza do Obradoiro, diante do Pazo de Raxoi, o representante da CIG, Nacho Pavón asegurou que este conflito “non remata coas sentenzas e coa decisión inicial que está tomando TRALUSA para indemnizar e non subrogar, non readmitir aos traballadores e traballadoras desta liña”.

Con esta mobilización os condutores tamén quixeron deixar claro que aínda que o concello agora se puxo á fronte para buscar unha solución, “non esquecemos que xa van dúas veces que nos deixa tirados. Primeiro cando non se fixo a subrogación como se debería ter feito e segundo cando o concello quedara defacer unhas xestións coa empresa e nunca máis soubemos nada até a data da sentenza”.

Non se contemplou partida económica para pagar o persoal

Pavón lembrou que o xoves pasado todos os grupos municipais apoiaron unha moción pola que se decidiu que o concello encabezara a negociación con TRALUSA. Porén matizou que “hai unha parte na que a empresa ten razón, porque no seu día ao non contemplar a subrogación, non se contemplou tampouco a partida económica que supoñía o pago de salarios e antigüidades dos traballadores que non foron subrogados. Agora terá que aparecer esa partida, que é o mínimo cando hai unha subrogación”. Unha cuestión que, afirmou, “depende única e exclusivamente do concello. Por iso dicimos que non son só boas palabras agora, unha vez que se pronunciou o xulgado”.

 

A manifestación rematou cunha concentración diante do Pazo de Raxoi onde un dos condutores afectados deu lectura, en nome dos seus compañeiros, a un manifesto no que ademais de agradecer a solidariedade de todas as persoas que os apoiaron e explicaron o ocorrido durante estes meses, o papel do concello e da empresa e exixiron a subrogación xa.

MANIFESTO

En primeiro lugar queremos agradecer a vosa presenza hoxe e todas as mostras de apoio e solidariedade que estamos recibindo. O quelevamos vivido nos últimos meses non se lle pode desexar nin a un inimigo. O noso traballo non sería o mellor do mundo pero era o quenos daba certa seguridade para poder levar un salario ás nosas casas. Nalgún caso desde hai 25 anos.

Case dun día para outro nos atopamos con que o concello, que se tiña que facer cargo da nosa liña decidiu arbitrariamente deixarnos aos pés dos cabalos co acordo da Xunta de Goberno, do pasado 18 de decembro, que lle di a TRALUSA que debe facerse cargo do servizo pero que nada di dos nosos postos de traballo. Literalmente: "Desde o23/12/2020 debe prolongar a liña 6 para o que deberá dispoñer dos seus propios medios materiais e persoais para unha correcta prestacióndos servizos."

Con ese texto TRALUSA non mantivo os contratos e o día 23, na véspera dunha noiteboa tan dura como a do ano pasado, directamente nos pechou a porta nos fociños. Esa mesma mañá viñemos ao concello e mentres uns compañeiros se reunían co Concelleiro de Mobilidade para pedirlle explicacións polo que fixeran, o Alcalde de Santiago nos insultaba nunha roda de prensa e dicía que non era certo que existira dereito de subrogación para nós e que estábamos enganando á xente.

Como unha institución tan importante e con tantos asesores como a do noso concello pode tomarse tan á lixeira a vida de 9 veciños e veciñas?

E sobre todo, como pode ser que nos quedemos coa sensación de que unha empresa ten máis poder que o goberno municipal?

En primeiro lugar todo isto non tería pasado se o concello, que lle solicitou á Xunta en 2018 facerse cargo desta liña, a tivera licitado a tempo. Pero se era responsabilidade súa como é que non previron o que podía pasar ao non sacar o concurso do transporte urbano, que rematara en 2015? Non é que non se ocuparan de que non tivéramos problemas, senón que a TRALUSA (a concesionaria municipal, do Grupo Monbus, propiedade de Raul López) se lle di que ten que dispoñer dos seus propios medios persoais.

Por esta decisión inxusta, durante meses non tivemos ingresos, xa que a nosa anterior empresa, Empresa Freire, non se molestou nin en despedirnos e o SEPE non nos tramitou as prestación até que llo puidemos demostrar. O primeiro compañeiro que cobrou o desemprego foi en marzo e o último aínda este mes de maio. Hai dereito?

Mil voltas demos e petamos en todas as portas para evitar chegar aos xuízos mesmo ofrecendo saídas nas que tanto o concello como TRALUSA sairían ben paradas a cambio de que nós, perdendo algo, puidéramos recuperar os nosos postos de traballo. Fomos ao Parlamento, participamos nun pleno municipal grazas aos grupos da oposición (aos que lles queremos agradecer a súa solidariedade) onde novamente sentimos o desprezo dos responsábeis municipais que ocultaron a súa incapacidade para resolver este despropósito volvendo a desprezarnose insultarnos.

Unha vez máis acusóusenos de ser marionetas da Empresa Freire e de facer todo isto para favorecelos a eles. Pero saben que é mentira. Que culpa temos nós de que o anterior empresario, Gaspar Freire, só mirara polos seus intereses e nós fóramos para el pezas nunha partida que nin sabíamos que se xogaba?

Meses de mobilizarnos na rúa case todas as semanas, á chuvia case sempre, reclamando que a subrogación era o noso dereito e se nos furtara entre o concello e TRALUSA.

E finalmente chegaron os primeiros xuízos e logo as primeiras sentenzas. E gañamos! Por fin algo de luz e pensamos que remataría este pesadelo. A sentenza recoñece que si que tiña que ter habido subrogación, que así o tiña que ter recollido o concello e así o tiña que ter cumprido TRALUSA. Ven a confirmar que por moito que o servizo se preste de outra maneira non se extingue e ademais está pendente de sacar de novo a concurso e polo tanto non collía outra opción que manter os contratos dos condutores.

Pero non rematou. TRALUSA logo de ter dito na semana anterior na Inspección de Traballo que non tiña diñeiro para pagar o exceso horario que fan os seus traballadores e traballadoras, presenta no xulgado un escrito dicindo que opta por indemnizar en vez de readmitir, depositando case 60.000 euros só das dúas primeiras sentenzas, e somos nove. Pero teñan ou non ese diñeiro sabemos que ao final van tentar repercutirllo ao concello e que sexan os veciños e veciñas de Santiago quen paguen esas indemnizacións. Unha vez máis, hai dereito?

Ao día seguinte da primeira sentenza rexistrouse unha solicitude de mediación no Consello Galego de Relacións Laborais para que, sen necesidade de agardar a máis xuízos (algún dos cales aínda nin están sinalados) e sen alongar máis este sufrimento, se aceptara ese criterio ea todos os condutores se nos repuxera no noso posto de traballo. No mesmo sentido aprobouse unha moción por unanimidade no último pleno, onde o concello se compromete a mediar para que se siga esa mesma lóxica.

Hoxe xa sabemos que TRALUSA contestou que non aceptaba a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais. E de momento nada sabemos da mediación do concello, na que o alcalde Xosé Sánchez Bugallo se comprometeu persoalmente.

Despois disto quédanos o sabor de boca de que hai empresas quemandan máis que concellos. Mesmo de aqueles concellos que presumen de capitais e que mesmo teñen apóstolos e Anos Santos.

Pero algo do que di esta empresa é certo. O concello, no seu día noncontemplou a subrogación dos traballadores nin o custe económico que tiña, e Raul López é sabido que non traballa para o inglés.

Por iso manifestamos que este conflito non rematou e non rematará mentres que os que nos botaron á rúa non nos devolvan o posto de traballo co que mantíñamos os nosos proxectos de vida. Porque é de xustiza!