Os datos oficiais confirman a CIG como primeira forza sindical en Galiza con 4548 delegadas/os

Paulo Carril advirte que "a maioría non se gaña dunha vez para sempre”, serán “o esforzo, o traballo e a loita colectiva as ferramentas para mantela e recuperar os nosos dereitos”

Nacional -

Tras se publicar a resolución que recolle os datos de representatividade sindical na Galiza -correspondente ao período de eleccións sindicais 2016-2019, rematado o pasado 31 de decembro- confírmase que a CIG é a primeira forza sindical, con 4548 delegados e delegadas, fronte as 3990 de UGT e 3982 de CCOO. Un resultado histórico que, segundo o secretario xeral, Paulo Carril, vén avalar o modelo sindical que representa a central sindical mais que, advertiu, non é para sempre. “A clave está en ser un instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase”.

Tal e como explicou a secretaria de Organización, Susana Méndez, en rolda de prensa, porcentualmente a CIG obtivo o 29,37% e situouse como primeira forza nas comarcas da Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra e Vigo, mais tamén nas unións locais de Cee, As Pontes, A Mariña, Verín, O Salnés, O Morrazo e O Porriño.

Méndez salientou ademais o medre porcentual que houbo en Ferrol, onde a CIG subiu un 6,09%, situándose como primeirísima forza cun 39,07%, mais tamén houbo incrementos importantes en Lugo, onde medrou nun 4,04%, Santiago, nun 3.41% e A Coruña, nun 2%.

Por federacións, tamén é a máis representativa na Administración Pública, na Construción, na Industria, na Sanidade, en Servizos e no Ensino Público. Nas federación de Banca e da FGAMT (que aglutina Transporte, Alimentación, Téxtil e Mar) foi a única central sindical das tres que sobe en delegadas/os.

Diante destes resultados, a secretaria de Organización quixo agradecer a confianza depositada na central sindical por miles de traballadoras e traballadores. Un resultados que se conseguiron “con moito esforzo e traballo colectivo” e que precisarán, para se manteren, do “esforzo, traballo, compromiso e, sobre todo, da loita colectiva, a través dunha organización reforzada, as únicas ferramentas para conseguilo”.

Consolidar e ampliar a maioría sindical

No mesmo sentido, Paulo Carril, subliñou que hai 40 anos, cos primeiros xermolos do sindicalismo nacionalista, ou hai 26, cando naceu a CIG, era “impensábel” obter estes resultados que son hoxe “unha realidade imparábel”. Resultados que chaman, dixo “a actuar en todo momento de acordo aos mesmos principios e á mesma acción sindical que nos ten levado a ser hoxe a primeira forza sindical”.

En todo caso asegurou que agora o reto está en “consolidar e ampliar esta maioría sindical” tendo en conta que “o poder económico e o poder político van recruar a súa ofensiva para que a CIG non siga avanzando”; que a maioría sindical non é para sempre e que será tanto máis fráxil “canto máis tardemos en consolidar este avance no plano organizativo e ideolóxico, no labor de convencer a máis sectores da clase  traballadora sobre a base de facer valer o noso modelo sindical”.

Apuntou como obxectivo acumular máis forzas para construír máis poder sindical “porque onde hai sindicato hai melloras reais nas nosas condicións laborais e de vida” e afirmou que a acción sindical da CIG “vai seguir sendo atrevida e decidida en todos os ámbitos” cunha práctica sindical real que, “mellorando o coñecemento do que sucede nos diferentes sectores e centros de traballo, atine na formulación das alternativas concretas e, como sempre, poñéndonos á fronte das loitas sociais, encabezando a conflitividade social e laboral”.

Vontade de diálogo

O secretario xeral da CIG manifestou a vontade de diálogo e de negociación cos gobernos galego, español e coa patronal, da central sindical, mais exixiu “que a practiquen de verdade”. Rexeitou, porén, o chamado diálogo social que practican CCOO e UGT porque “só está ao servizo de lexitimar as peores políticas do PP en Galiza ou apoiando a continuidade das reformas laborais e das pensións ou o incremento do SMI que fixa un salario mínimo con catro anos de atraso respecto do que establece a Carta Social Europea”.

Considerou que o camiño para conquistar políticas alternativas “é a mobilización nos centros de traballo, na negociación colectiva e nas rúas” e lembrou que, por iso, a CIG puxo en marcha, o pasado 3 de decembro, unha campaña baixo o lema “Recuperar dereitos para avanzar. Na Defensa da Industria e do emprego en Galiza” que xa levou á convocatoria de mobilizacións, o pasado 30 de xaneiro e á convocatoria, baixo ese mesmo lema, das mobilizacións do vindeiro 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, en todas as comarcas.

Apuntou como obxectivo desta campaña exixir a derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012 que “seguen inxustificadamente en vigor” porque, denunciou, “aumentan a extensión e o asentamento da precariedade laboral, os baixos salarios, a pobreza laboral, manteñen as facilidades para o abaratamento do despedimento e permiten que os ERES sigan sendo potestade unilateral das empresas, nun momento en Galiza de profunda crise industrial”.

A este respecto denunciou ademais que as reformas laborais fomentan a estatalización e centralización da negociación colectiva; invaden as nosas competencias á hora de negociar as nosas condicións de traballo e os nosos salarios a través de convenios sectoriais, provinciais e galegos e afondan nas desigualdades sociais e de xénero.

Crise industrial

Paulo Carril advertiu da grave crise industrial que afecta sobre todo ao Norte, con especial incidencia na industria electrointensiva, no naval e no sector enerxético, ademais doutros sectores como o das telecomunicacións, automóbil e agrario. Unha crise que se produce cando aínda non saímos da de 2008 e cun tecido social, económico e industrial aínda danado.

Denunciou que a chamada descarbonización da economía está sendo máis “un proceso de desmantelamento total que un proceso de transición” e que “somos vítimas dun tecido económico e industrial deseñado polo grande capital español e internacional, resultado de anos de dunha industria de enclave, altamente contaminante, que veu espoliar as nosas materias primas e que non pecha, nin completa os ciclos produtivos”.

E denunciou tamén que se nos presenta cun “verniz de sustentabilidade” e con mudanzas que “son aparentes” esa chamada transición ecolóxica que, explicou, mantén a Galiza cun “papel dependente, no que pretenden seguir espoliando as nosas materias primas e recursos naturais para seguir implantando un modelo ao servizo dos intereses das eléctricas”, substituíndo unha fonte de produción de enerxía pr outra, pero “sen asumir ningún tipo de responsabilidade social polo dano causado, nin estaren dispostas a ceder a súa posición de oligopolio, que acumula cada día máis ganancias polos altos prezos da electricidade que impoñen”.

Para Carril, a verdadeira transición, para ser xusta e democrática no social e no territorial “debe significar avanzar en soberanía para Galiza, en poder decidir sobre os nosos recursos e sobre o modelo económico e social”.

Pór fin ao PP e ás súas políticas

Por iso chamou a mudar a situación política o vindeiro día 5 de abril, para arredar do poder en Galiza a un PP “instalado en posturas ultraespañolistas e negadoras de Galiza” como entende que diariamente demostra Feixóo “ante esta situación de emerxencia nacional e social que vivimos”.

Un Feixóo do que denunciou que está “entregado aos fondos de investimento, indolente e pasivo ante a destrución dos nosos sectores produtivos e industrias estratéxicos” e ao que responsabilizou das políticas “que nos fan perder poboación activa, vía emigración e avellentamento” e ao que considerou “colaborador permanente no proceso de expulsión da poboación do rural mentres seguen sen aprobar unha lexislación que garanta uns prezos xustos para os produtos agrarios, ou a prestación de servizos básicos no rural”.

Carril acusouno ademais de promover “unha política suicida para a sociedade galega”, que non crea emprego e que se limita a fomentar “o macro-turismo no Camiño de Santiago a grande escala, a eucaliptización do país, en favor das grandes corporacións, afondando na histórica xeración de graves desequilibrios territoriais, sociais e mediomabientais”.

O secretario xeral da CIG concluíu apostando por exercer a maioría sindical “desde o convencemento do enorme potencial que ten a mobilización social na conquista das políticas alternativas coas que poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa Terra porque os dereitos nin se regalan, nin se compran, nin veñen do diálogo social, nin os concede un goberno porque si, nin os cede un poder económico hoxe empachado de riqueza ao ver vixentes as súas políticas de roubo e saqueo á clase traballadora”.

Volver