• Nova

Os dereitos de conciliación en Inditex, a golpe de sentenza

O TSXG condena a empresa por denegar a adaptación horaria a unha traballadora para coidar a súa filla
A Coruña - 18 Xan 2022

Inditex vén de recibir un novo revés xudicial na súa política de denegación sistemática dos dereitos de conciliación da vida laboral e familiar. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza dálle a razón a unha traballadora de Stradivarius á que a empresa lle denegara a posibilidade de concretar o seu horario de traballo para poder atender as tarefas de coidado da súa filla, que naquel intre tiña un ano. Ademais o TSXG condena a empresa a abonarlle unha indemnización polos danos e prexuízos causados.

O presoal vese na obriga de ter que recorrer permanentemente á xustiza para poder conciliar a vida laboral e familiar"

A vulneración dos dereitos de conciliación forma parte da política laboral de Inditex de maneira que as traballadoras e traballadores vense na obriga de ter que recorrer permanentemente á xustiza para poder gozar dos seus dereitos. A obstaculización continuada do goce a estes dereitos, que a cotío requiren de longas negociacións coas direccións, ten por obxectivo desincentivar o persoal e que renuncie a solicitar reducións e adaptacións horarias  por coidado e así aforrar en contratacións.

É máis, a pesar da firmeza desta sentenza e de ser condenada a pagar unha indemnización, a empresa non rectificou nada na súa política e continúa supeditando facilitar os dereitos de conciliación do seu persoal a que acredite que non ten outras alternativas de coidado, como unha parella ou outra persoa da familia que se poida facer cargo do/a menor durante o seu horario de traballo. Cando o dereito a concretar a xornada, tal e como recolle a sentenza, é individual.

O que significa que "non ten por que acreditar ningunha circunstancia extraordinaria"  para que se lle recoñeza a concreción horaria, pois "trátase dun dereito personalísimo que así establece o art. 37.6 do ET". Pero, como se salienta na resolución, a empresa non acreditou en ningún momento razóns de especial excepcionalidade para denegnar este dereito fundamental, máis alá dos problemas organizativos ordinarios da tenda onde traballa a compañeira, en quendas rotatorias.

Unha estratexia da empresa para aforrar cartos e enfrontar o persoal

Nesto senso, as delegadas da CIG advirten dos motivos reais que moven a Inditex a actuar desta maneira. Por unha banda, aforrar custes coas horas que reducen  da súa xornada e salario as persoas que solicitan a concreción horaria por conciliación da vida familiar e laboral; e por outra xerar malestar e máis carga de traballo entre o resto do persoal.

Con esta política, a empresa consegue incrementar beneficios a conta de explotar as traballadoras con máis carga de traballo e fomentar as divisións entre compañeiras polo exercicio dos dereitos"

Pois, a pesar de alegar motivos organizativos para denegar este dereito, a empresa non substitúe estas horas que reducen, nin co persoal propio para que poidan así ampliar as súas xornadas (pois na maioría dos casos teñen contratos a tempo parcial), nin con persoal externo. "Con todo isto, Inditex aforra estes salarios e consegue con este incumprimento sistemático da lei un triple beneficio: incrementar ganancias a conta de explotar as traballadoras con máis carga de traballo, fomentar as divisións entre as compañeiras polo exercicio dos dereitos recoñecidos na lexislación e denegar o dereito a concretar a súa xornada por coidado apelando a causas organizativas por ter máis beneficios", critican.

Por iso, denuncian que, detrás de toda a propaganda e da boa prensa que rodea a Inditex, a realidade nos centros de traballo, sobre todo nos máis precarizados como as tendas, é que hai un desprezo absoluto polas necesidades esenciais de conciliación. As concrecións non se piden por capricho, pídense porque hai que coidar as crianzas, pero a Inditex só lle importa seguir incrementando beneficios e para nada ten en conta nin os dereitos das traballadoras nin moito menos o interese superior das e dos nenos que inspira a normativa en materia de conciliación.

Este incumprimento da lexislación xera enormes prexuízos para as traballadoras e os traballadores afectados xa que, como no caso ao que se refire a sentenza, a traballadora, ante a negativa de empresa a adaptarlle o horario, viuse na obriga de ter que prorrogar a excedencia para poder coidar a súa filla, co que isto supón a nivel económico.

Pero ademais, non permitir este dereito, supúxolle enormes trastornos, creándolle ansiedade  pola manifesta inseguridade á hora de garantir unha atención axeitada á súa crianza.