Empregados de Pescanova impiden a entrada do persoal de ETT na empresa

Este martes terá lugar a primeira das dúas xornadas de folga convocadas polo bloqueo do convenio
Nacional - 13 Mar 2017

Os traballadores/as de Nueva Pescanova impediron este sábado a entrada do persoal de ETT nas instalacións da empresa para evitar que se fagan horas extras. O empregados/as da compañía de alimentación decidiran en asemblea deixar de facer horas extras como medida de presión ante o bloqueo das negociación do convenio colectivo, polo que a dirección optou por botar man de máis persoal de ETT para que a actividade da empresa non se vise afectada. Ao mesmo tempo, este martes terá lugar a primeira das dúas xornadas de folga convocadas.

Diante disto, as centrais maioritarias en Nueva Pescanova (CIG, CUT, UGT e USO) promoveron a convocatoria dunha concentración diante das instalacións de Chapela este sábado dende primeira hora da mañá para impedir a entrada do persoal de ETT. Deste xeito, un nutrido grupo de traballadores/as permaneceu ás portas da empresa entre as 5.30 e as 8.00 horas, logrando que ninguén entrase a traballar.

As medidas de presión contra a empresa continúan este martes coa celebración da primeira das dúas xornadas de folga convocadas para reclamar uns convenios colectivos dignos. A seguinte folga terá lugar o vindeiro martes 21. Coincidindo cos paros as centrais desenvolverán tamén concentracións diante dos distintos centros de traballo do grupo, sendo a principal a que levarán a cabo nas instalacións de Chapela a partir das 5.30 horas.