• Nova

Os/as traballadores/as de Portanova Park irán á folga indefinida a partir do 18 de abril para esixir o cobro dos seus salarios

A empresa, que xestiona o estacionamento subterráneo da Praza do Inferniño, ten pendente de pagar as últimas tres nóminas
A Coruña - 13 Abr 2016
Os/as traballadores/as de Portanova Park, SA, que se encarga da xestión do estacionamento subterráneo da Praza do Inferniño de Ferrol, acordaron convocar folga indefinida a partir do 18 de abril, ante o reincidente impago dos seus salarios. O persoal reclama a intervención do Concello, propietario das instalacións, para que obrigue a empresa a abonar as nóminas que debe ou, en caso contrario, proceda á rescisión do contrato.

A decisión de convocar folga, con carácter indefinido, prodúcese pola situación insostíbel xerada ante o reiterado impago dos salarios por parte de Portanova Park, que nestes momentos ten pendente de abonar as nóminas de xaneiro, febreiro e marzo. Situación que xa foi denunciada na Inspección de Traballo.

Así o explicaron en rolda de prensa este mércores os/as catro traballadores/as do estacionamento (de titularidade municipal), que compareceron acompañados/as polo voceiro comarcal da CIG de Ferrol, Xesús Anxo López Pintos.

O paro comezará ás 00:00 horas do luns 18 de abril e manterase até que a empresa ingrese as contías pendentes. Pola súa banda, Portanova Park, que ten a concesión do estacionamento dende hai uns 15 anos, ameaza ao persoal con non pagarlles os salarios mentres o Concello non atenda as súas demandas.

A este respecto, Pintos entende que a empresa está a utilizar os traballadores para chantaxear o Concello de Ferrol e forzalo a que acepte as súas peticións. “Basicamente a empresa o que quere é ter a concesión de xeito gratuíto, sen pagar nin o canon nin o IVE”, denunciou.

Aínda que o goberno municipal comprometeuse a mediar coa empresa na busca dunha solución“até o momento non sabemos nada”, censuraba. Neste senso, Pintos reafirmou a gravidade da situación “ao tratarse dunha concesión municipal”, polo que, pediu ao Concello “que actúe rápido e con contundencia”.

Como titular do servizo, os traballadores reclamaron do Concello que obrigue a empresa a pagar os salarios ou, do contrario, proceda ao rescate do contrato. Unha rescisión para a sobran os motivos, matizaba Pintos, pois alén dos incumprimentos en materia salarial, a empresa tampouco realizar as melloras no aparcadoiro nin o mantemento adecuado.