Pensións, unha sentenza tardía e insuficiente

Mikel de la Fuente - 15 Xul 2019

En materia da seguridade social, a STC corrixe parcialmente o trato discriminatorio do traballo a tempo parcial na contía da pensión de xubilación, pero non outros, como a dificultade de acceder á xubilación anticipada cando se esixen 33 anos de cotización e que están obrigando a moitas mulleres a prolongar a actividade laboral mesmo despois dos 65 anos

 Tras unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) do 8 de maio de 2019, que en gran medida lle serve de fundamento, a sentenza do Tribunal Constitucional (STC) do 3 de xullo de 2019, resolvendo unha cuestión interna de constitucionalidade suscitada pola Sala Segunda do mesmo TC, declarou a nulidade do actual sistema para o cálculo das pensións de xubilación dos traballadores e traballadoras con contrato a tempo parcial. O TC considerou que ese sistema constituía unha vulneración do principio de igualdade e supoñía unha discriminación indirecta contra as mulleres, que son as que de forma moi maioritaria traballan a tempo parcial, estimando que supoñía unha penalización dobre: á menor base de cálculo ou base reguladora por salarios menores, engadíase unha menor porcentaxe a aplicar á base reguladora en función da duración do tempo cotizado, xa que o tempo traballado a tempo parcial se consideraba de duración inferior ao realizado a tempo completo. Hai que subliñar que tanto a Avogacía do Estado como o servizo xurídico do INSS se opuxeron á anulación da norma declarada nula.

Antecedentes e fundamento da STC

 Conforme á Disposición Adicional Sétima da Lei Xeral de Seguridade Social (LGSS) en vigor, a contía da pensión de xubilación fíxase conforme a dous elementos: a base reguladora e o período de cotización, co que se obtén o importe a cobrar. En canto á base reguladora, a sentenza do TC estima “razoábel” a redución para os traballadores e traballadoras a tempo parcial. Nos traballadores  e traballadoras a tempo completo, o período de cotización compútase por anos e meses de cotización, de forma que aos quince anos se ten dereito á pensión nunha porcentaxe do 50% da base reguladora e a partir de aí a porcentaxe vai en aumento, até alcanzar o 100% da base reguladora con 37 anos cotizados.

 A regulación até o de agora en vigor da LGSS do período de cotización contempla dous niveis. Por unha banda, para determinar se se ten o período mínimo cotizado de 15 anos para acceder á pensión de xubilación, de forma que se non se alcanza non se ten dereito á pensión “contributiva” senón, no mellor dos casos (xa que se require dispoñer de ingresos moi, moi escasos, ademais dunha condición de residencia de 10 anos en España entre os 16 anos e a idade de acceso á pensión), poderase percibir a pensión non contributiva de xubilación, de contía moi escasa, 392 euros/mes no 2019. Este aspecto non foi tratado na sentenza do TC, xa que quedou resolto para a contratación a tempo parcial, tras a STC 61/2013, polo RD Lei 11/2013.

 En canto ao segundo nivel, o importe da pensión de xubilación dun traballador ou traballadora a tempo parcial calcúlase multiplicando unha base reguladora, determinada en función das cotizacións aboadas, á súa vez derivadas dos salarios, por unha porcentaxe que depende da duración do período de cotización, período ao que se aplica un coeficiente de parcialidade que se fixa pola porcentaxe da relación existente entre a xornada realizada a tempo parcial e a realizada por un/a traballador/a a tempo completo comparábel. Para as pensións nas que requiren períodos amplos, como as de xubilación e incapacidade permanente, suavízase a fórmula mediante a aplicación dun coeficiente multiplicador de 1,5 ao número de días teóricos de cotización calculados conforme ao coeficiente de parcialidade, sen que se poida superar ao número de días de alta a tempo parcial. Ao número de días que resulten sumaranse, de ser o caso, os días cotizados a tempo completo, sendo o resultado o total de días de cotización acreditados que son computan para o acceso ás prestacións. Se sumados os días traballados a tempo completo e a tempo parcial (estes últimos multiplicados por 1,5), o resultado fose inferior a 15 anos, a porcentaxe a aplicar á base reguladora non sería o 50% senón o que resulte do que represente o cotizado sobre 15 anos. Esta regra baséase na posibilidade que existe desde o RD Lei 11/2013 para os traballadores e traballadoras a tempo parcial de poder acceder á xubilación sen alcanzar 15 anos de cotización.

 Os resultados destas regras pódense ver co seguinte exemplo. Para simplificar calcúlase en anos aínda que a norma fixa o criterio en días. Se unha persoa cotizou 4 anos a tempo completo, é dicir, cun coeficiente de parcialidade do 100% e 8 anos a tempo parcial, cun coeficiente de parcialidade do 50%, o coeficiente de parcialidade global calcúlase multiplicando 4 por 100%=4 e 8 por 50%=4, máis o 50% de 4, é dicir, 6. Sumando as cifras resultantes: 4 6 e dividindo o total por 12, o coeficiente de parcialidade global é o 83,33%. Ese 83,33% multiplícase por 12, co que se obtén un período cotizado de 10 anos. A porcentaxe a aplicar á base reguladora resultaría da regra de tres seguinte: se a 15 anos cotizados corresponde unha porcentaxe do 50%, a 10 anos corresponde un 33,33%. Se a base reguladora fose de 600 euros, a pensión resultante sería de 600 por 33,3%, 200 euros.

 A pensionista podería percibir o complemento de mínimos, que neste caso tería o límite de 392 euros, co que a súa pensión sería de 592 euros/mes, inferior á mínima para persoas xubiladas maiores de 65 anos sen cónxuxe a cargo, que é de 633,70 euros. Esa limitación a 392 euros do complemento de mínimos débese á reforma das pensións de 2011 do goberno de Rodríguez Zapatero que dispuxo que ese complemento non pode superar a contía das pensións non contributivas, é dicir, 392 euros/mes no 2019.

 A STC que se comenta precisa que aínda que a demanda e posterior recurso foi presentada por un traballador masculino (profesor asociado de universidade), a regulación cuestionada é discriminatoria por canto os datos estatísticos poñen de manifesto que son as mulleres as que saen especialmente prexudicadas pola regulación vixente: segundo o INE, durante o segundo trimestre de 2018 o 75,93% do traballo a tempo parcial era realizado por mulleres. Esta STC non se refire ao acceso dos traballadores e traballadoras ás pensións como foi o caso doutras (as SSTC 253/2004 e 61/2013), senón á incidencia da parcialidade sobre a porcentaxe da pensión de xubilación a percibir. Considera que a normativa carece de proporcionalidade, malia a medida correctora do coeficiente do 1,5, cando esixe aos traballadores e traballadoras a tempo parcial uns períodos de cotización superiores que o traballadores e traballadoras de tempo completo para alcanzar a mesma porcentaxe sobre a base reguladora, mesmo aínda que as súas cotizacións sexan iguais(1). Precisa que a aplicación do citado coeficiente do 1,5 só anula a diferenza entre o tempo completo e o tempo parcial cando o coeficiente de parcialidade durante o período sexa igual ou superior ao 67%. Esa porcentaxe está afastada da realidade da relación entre a xornada media do traballo a tempo parcial en relación co de tempo completo. Tal como precisa a STC (p. 46):

 Os “períodos de tempo con contrato vixente a tempo parcial”, non son tratados “de igual xeito que cando se trata de traballadores a tempo completo”, pois a estes non se lles aplica ningún coeficiente redutor... Nin sequera desde o principio de contributividade do sistema de seguridade social se pode xustificar a porcentaxe de redución na base reguladora da pensión de xubilación que se aplica aos traballadores a tempo parcial, malia as medidas correctoras vixentes.

 Sobre o alcance da declaración de inconstitucionalidade a STC declara, “aplicando a súa reiterada doutrina”, que non só se debe preservar a cousa xulgada senón que, “en virtude do principio constitucional de seguridade xurídica, o pronunciamento tampouco se estenderá ás situacións administrativas firmes”. A Ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social declarou que os seus efectos se producirán desde a data da STC, polo que desde esta se deixará de aplicar ás pensións de xubilación o coeficiente redutor baseado na xornada, pero non ás xa recoñecidas que non sexan recorridas en tempo. A sentenza -e o goberno que a vai aplicar- permite que a norma agora declarada anticonstitucional siga producindo efectos desastrosos para as actuais pensionistas que traballen a tempo parcial. Esa regulación recoñecidamente discriminatoria, durou decenios e no pasado afectou, de forma máis intensa aínda que a que agora se declara nula, ao acceso e contía das pensións e outras prestacións da seguridade social de centos de miles (millóns?) de persoas traballadoras, nomeadamente mulleres. Mesmo para quen se aplique no futuro o seu impacto real limítase a quen vaia cobrar pensións superiores ás mínimas, xa que as inferiores -a maioría- na actualidade xa poden cobrar o complemento de mínimos. Así e todo, como lembra o avogado laboralista Miguel Arenas, a sentenza do TJUE citada ao comezo declaraba que a norma declarada anticonstitucional é contraria á Directiva da Unión Europa 79/7/CEE do Consello, sobre a aplicación progresiva do principio de igualdade de trato entre homes e mulleres en materia de seguridade social, o que ao se ver permite propor que as situacións anteriores, especialmente as que non sexan obxecto de decisión xudicial, poidan ser revisadas en calquera momento a petición da beneficiaria.

O que non resolve a STC

 As últimas reformas das pensións mantiveron e agravaron algunhas regras que afectan especialmente ás mulleres, traballen a tempo parcial ou completo (...) e que dan lugar a que as súas pensións sexan moi baixas, tal como denunciou, a raíz da SCT, a Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións nunha carta enviada á Ministra de Traballo. En materia da seguridade social, a STC corrixe parcialmente o trato discriminatorio do traballo a tempo parcial na contía da pensión de xubilación, pero non outros, algúns vellos e outros novos, como a dificultade de acceder á xubilación anticipada cando se esixen 33 anos de cotización e que están obrigando a moitas mulleres a prolongar a actividade laboral mesmo despois dos 65 anos. Ademais, subsisten graves problemas laborais e xurídicos que seguen afectando a quen realiza este tipo de traballo, que se sinalan a continuación de forma esquemática. Sen resolver estes, a simple corrección -aínda non integral-, da regulación da seguridade social do tempo parcial, será insuficiente para proporcionar pensións dignas a este importante colectivo.

 Como se indicou, o outro elemento que, ademais da porcentaxe baseada nos anos cotizados, determina a contía da pensión é a base reguladora, que á súa vez se deriva dos salarios percibidos. No caso do tempo parcial eses salarios son máis baixos por dous motivos. Por unha banda, pola menor xornada en relación co tempo completo, que no caso do Estado español, de media, é case a metade. Segundo a Enquisa Trimestral de Custos Laborais (ETCL), elaborada polo INE, do primeiro trimestre de 2019, as xornadas pactadas eran de 85,9 e 168,7 horas mensuais respectivamente. Doutra banda, no Estado español o tempo parcial vai maioritariamente unido aos baixos salarios horarios: segundo a mesma ECTL a diferenza salarial entre o traballo a tempo completo e parcial é de 4,46 euros por hora (14,62 euros/hora de media para o tempo completo fronte a 10,16 para o tempo parcial).

 Dada a grave afectación do tempo parcial para as pensións, que subsiste tras a STC, é fundamental a súa limitación, pero non é iso o que se produciu senón que durante a crise iniciada no 2008 tivo lugar un importante desenvolvemento. Segundo un estudo da empresa holandesa Randstad, 2.894.800 persoas ocupadas tiveron en 2018 un contrato a tempo parcial, unha cifra un 3,2% superior á de 2017 e a máis alta en dez anos. Randstad destaca que, a menor idade, é maior a taxa de ocupación a tempo parcial. Así, o 37,4% dos traballadores e traballadoras menores de 25 anos fano baixo esa modalidade de contrato, fronte a un 12% entre maiores de 45 anos. A incidencia da parcialidade (e en especial do subemprego) entre a mocidade é unha das causas que levou á Organización Internacional do Traballo (OIT) a alertar das preocupantes cifras de traballadores e traballadoras pobres mozos no Estado español. Por Comunidades Autónomas o maior desenvolvemento do tempo parcial ten lugar en Estremadura (16,5%), a Comunidade Autónoma do País Vasco (16,4%) e Navarra (16,2%).

 Contrariamente á xustificación de que o tempo parcial permitiría conciliar a vida laboral coa vida persoal e familiar, a maioría do tempo parcial realízase de forma involuntaria, en defecto dun a xornada a tempo completo, proceso que se incrementou desde o 35% de involuntariedade no 2008 até preto do 60% na actualidade. Segundo un informe de Oxfam as mulleres realizan a meirande parte do tempo parcial involuntario, que se concentra en ocupacións e traballos de servizos de baixa remuneración, dentro do sector hoteleiro e de restauración, así como en servizos administrativos e de asistencia, incluíndo servizos de seguridade privada, call centers, servizos de limpeza e de mantemento. Cando o traballo a tempo parcial se realiza de forma voluntaria, esa voluntariedade está moi determinada pola dedicación das mulleres ao traballo doméstico e de coidados non remunerado.

 A actual regulación do traballo a tempo parcial é absolutamente flexíbel en sentido pro empresarial: non require causa xustificante nin nivel determinado de redución en relación co traballo a tempo completo, o que si ocorría no pasado. Ademais, aínda que non poden realizarse horas extraordinarias neste tipo de contratos, cando a xornada ordinaria sexa como mínimo de 10 horas semanais, a xornada pódese ampliar até un 30% da xornada acordada, ampliábel até o 60% mediante convenio colectivo, mediante o pacto das chamadas “horas complementarias”. Como estas horas se retribúen coa mesma contía que as horas ordinarias -cando se pagan, o que non é sempre o caso- as empresas poden utilizar a fondo o tempo parcial para axustar ao máximo a xornada -e con iso o salario- dos seus traballadores e traballadoras ás súas necesidades produtivas e de mercado, contratando con xornadas reducidas que poden “xenerosamente” ampliarse cando lles conveña.

 Por estas razóns é necesario o establecemento da causalidade para a contratación a tempo parcial e fixar límites de xornada a esta. E, máis aló destas medidas elementais, como alternativa a unha distribución profundamente inxusta e inigualitaria do tempo de traballo entre quen traballa xornadas moi longas, frecuentemente acompañadas de horas extraordinarias non pagas, e que sofren o desemprego e o tempo parcial involuntario, o movemento sindical e o movemento feminista deben reivindicar a redución radical do tempo de traballo sen perda de salario, como se explica con detalle neste artigo. Esta redución debe ir unida a un desenvolvemento dos servizos públicos e gratuítos de coidado, política de investimento na reprodución da forza de traballo, á que, como sinala Johanna Brenner, se opoñen os empregadores capitalistas, que queren manter a competencia entre os traballadores e traballadoras e manter a privatización do traballo de coidado. Cando se realicen no interior dos fogares é urxente unha distribución igualitaria deses traballos e de todo o traballo doméstico, así como a unha dignificación das condicións laborais e de protección social das traballadoras de fogar. Doutra forma, malia a limitada mellora da STC comentada, é moi probábel que se intensifique a contratación a tempo parcial en sectores feminizados e mal remunerados.

_____________________________________________________________________________

Nota:

(1) Así, entre dúas traballadoras que cotizasen por 1.050 euros mensuais (e no pasado cotizasen igual) e unha delas traballase sempre a tempo completo e outra sempre a metade de xornada, durante 15 anos, a porcentaxe da primeira sería o 50%, mentres que o da segunda sería do 25%, máis o 50% sobre 25, é dicir, 37,5%.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 14 de xullo de 2019]