Os traballadores e traballadoras de Albada reclaman futuro para a planta de Nostián

Urxen ao Concello a publicar os pregos da nova concesión e unha aposta decidida polo modelo das instalacións da Coruña
A Coruña - 25 Mai 2024

Baixo a consigna "futuro para a planta de Nostián", os traballadores e as traballadoras de Albada manifestáronse este sábado pola Coruña en resposta á parálise na licitación da nova concesión, para demandar información transparente e garantías da continuidade do actual modelo de tratamento e, polo tanto, dos empregos.

A protesta partiu por volta do mediodía da Casa do Mar (onde están as oficinas da Concellería de Medio Ambiente) e rematou diante do Concello onde se procedeu a dar lectura a un manifesto no que se denunciou a falta de avances na publicación dos pregos e a incerteza permanente na que viven dende hai anos os traballadores e as traballadoras. Por iso, xa advertiron que a manifestación deste sábado "é tan só o inicio dunha serie de accións reivindicativas que terán o seu remate cando desde o Concello se anuncie a nova licitación".

O presidente do comité, Hadrián Canosa, cualificou de "via crucis" a situación "de penuria" que o persoal leva anos soportando e o "abandono" por parte do Concello, que pon en risco tanto os dereitos laborais como a existencia da propia planta de Nostián. Lembrou que o anterior contrato rematou en decembro de 2019 e dende entón "estamos esperando pola nova licitación".

Coa empresa en prórroga forzosa e sen data certa de licitación, as instalacións "sofren un deterioro continuo, cunha maquinaria obsoleta e desgastada, e cunha falta enorme de mantemento, tanto preventivo como correctivo". Isto provoca que os niveis de reciclaxe estean moi lonxe do esperábel "e o que é peor, que isto repercute nas condicións laborais e  de seguridade para as persoas".

Canosa alertou que hai dúas semanas se produciu un accidente grave nas instalacións e esta mesma semana rexistrouse outro máis. "Denunciamos esta situación, que é unha derivada máis, da falta de compromiso por parte do Concello e que ten estas consecuencias. Porque ninguén ten que ir ao seu traballo para accidentarse. Ninguén ten que ir ao seu traballo asumindo ese risco", aseverou.

O presidente do comité destacou que a licitación do novo contrato foi un dos puntos que se recolleron no acordo de investidura ao que chegaron PSOE e BNG -hai case un ano- como cuestión prioritaria. Pero lonxe de estar publicados os pregos e definir que modelo de planta quere do Goberno municipal da Coruña, xéranse novas incerteza coa ameza do Consorcio das Mariñas de marchar de Nostián "poñendo así en risco o futuro da planta".

Neste senso, na manifestación deste domingo reiterouse que a única alternativa a Nostián é levar o lixo á macroincineradora de Sogama, "co que se empeoraría o nivel de reciclaxe actual (Nostián recicla catro veces máis que Sogama segundo os dados oficiais), e moi probabelmente comezarán a chegar sancións por parte da Unión Europea".

Fronte a isto, o persoal defende o modelo da Coruña, máis respectuoso co medio ambiente, sobre todo se hai unha aposta decidida pola creación de compost de calidade. "Algo que a día de hoxe é unha materia pendente", como tamén o é a recuperación do plástico-film que nestes momentos vai todo ao vertedoiro, debido á situación de abandono da planta.