O persoal do comercio de alimentación da Coruña fai unha demostración de dignidade na nova xornada de folga
Almacéns loxísticos sen actividade e tendas pechadas ou a mínimos evidencian a disposición a loitar por un convenio provincial digno
A Coruña/Ferrol/Compostela - 17 Ago 2026
O comercio de alimentación da provincia da Coruña vive este luns o terceiro día consecutivo de folga para reclamar un convenio colectivo que realmente avance nos dereitos salariais e laborais do persoal. Neste xornada, centos de traballadoras e traballadores participan nos piquetes informativos despregados nas tres cidades e nas principais vilas da provincia para amosar o seu rexeitamento ao bloqueo total no que a patronal (controlada por Gadis e Froiz) mantén as negociacións.
Ademais dos piquetes, que se iniciaron por volta das cinco da madrugada nas instalacións loxísticas que Gadis ten en Piadela (Betanzos) e a partir das nove se estenderon ás tendas no resto da provincia, na cidade da Coruña o persoal saíu en manifestación dende o Mercado de San Agustín até a Praza de Vigo para darlle máis visibilidade á loita que están sostendo dende hai meses por un convenio xusto.
A xornada transcorre sen incidencias e só hai que lamentar a desproporcionada actuación policial co piquete informativo de Compostela, cando axentes agarraron brutalmente polo pelo a unha sindicalista da CIG. A central condena esta acción totalmente inxustificada da policía que sigue antepoñendo os intereses empresariais de Gadis ao dereito fundamental á folga.
A patronal bloquea calquera posibilidade de avanzar
Coa de hoxe, o sector xa suma once días de folga nos que a resposta é masiva e nos que a actividade das tendas e as plataformas loxísticas permanece paralizada ou baixo mínimos, a pesar dos intentos de trasladar á clientela unha imaxe de normalidade abrindo estabelecementos con persoal eventual e persoal encargado.
Pero o inmobilismo da patronal impide que as negociacións avancen e se poida chegar a un acordo de convenio xusto. Ao contrario, utilizando a demagoxia, Gadis e Froiz apelan a súa condición de empresas galegas para negarlle soldos dignos ás súas traballadoras e traballadores e para oporse a calquera mellora económica, asegurando que do contrario non poderían competir.
O representante da CIG na mesa de negociación, Roberto Pérez, subliña que malia as importantes rebaixas na plataforma social, nas catro últimas xuntanzas a patronal teimou nunhas propostas de miseria con incrementos salariais que nin sequera garanten o IPC nin o mantemento do poder adquisitivo.
Ademais, Gadis e Froiz néganse de forma rotunda a aplicar “nin a máis mínima cantidade para o complemento antigüidade”, ofrecen unha redución da xornada “raquítica”, inclúen os luns nos denominados fins de semana de calidade e tampouco queren ampliar os días de asuntos propios.
Por se non fora abondo, a cambio de nada, o empresariado quere empeorar algunhas licenzas e implantar un maior control sobre as baixas e a súa duración. Máis aínda, en pleno conflito laboral, Gadis -que sostén unha actitude especialmente belixerante na mesa de negociación e nos centros de traballo- presentou unha demanda contra os catro sindicatos convocantes e o comité de folga reclamándolles 1,2 millóns de euros polo que deixou de ganar durante as exitosas folgas realizadas do 21 ao 24 de xuño.
Para o representante da CIG resulta incomprensíbel a posición de Gadis na mesa negociadora e a persistente negativa a trasladar propostas que faciliten o achegamento das partes “cando a empresa leva dous meses coas tendas desabastecidas polo gran impacto que a folga ten nos seus almacéns”.
A folga continuará nos próximos meses
Neste contexto, e malia as manobras e presións patronais, o conxunto das traballadoras e traballadores da provincia da Coruña desenvolve unha loita exemplar e continuará mobilizándose até conseguir un convenio colectivo digno. Nos próximos días celebraranse asembleas para decidir o novo calendario de mobilizacións “porque o persoal é consciente de que este vai ser un conflito de longa duración e haberá máis folgas”.
Roberto Pérez matiza que as negociacións non están rotas “e cando nos chamen acudiremos negociar porque queremos un convenio digno, pero está na man da patronal darlle unha solución”.