Persoal da área sanitaria viguesa clama contra as agresións e demanda medidas preventivas

Un grupo de persoas traballadoras participou na concentración convocada hoxe pola xunta de persoal diante do PAC de Vigo
Vigo - 08 Mai 2025

Persoas traballadoras da sanidade viguesa mobilizáronse hoxe diante do PAC de Vigo para rexeitar a terceira agresión rexistrada en pouco tempo a persoal da área sanitaria. A xunta de persoal reclama a adopción de medidas preventivas urxentes e reitera que convocará protestas cada vez que se produzan feitos deste tipo.

Nesta ocasión tres traballadoras do PAC de Vigo foron vítimas dunha agresión o pasado sábado 26 de abril ante a discrepancia na indicación de que non está permitido o acceso aos centros sanitarios con patinetes, algo que aconteceu a pesar da existencia de carteis indicando a prohibición.

Con esta concentración a xunta de persoal trasladoulle a súa solidariedade ás traballadoras afectadas e ao persoal do PAC de Vigo, centro con alta incidencia de agresións que até hai poucos anos contou con seguridade privada, mais foi retirada malia as reclamacións das persoas traballadoras e da propia xunta de persoal.

En consecuencia, insisten na necesidade de que a Xerencia da área sanitaria se comprometa a tomar medidas preventivas e de protección urxentes e concretas. “Solicitamos que se realice unha análise en profundidade das causas e que se adopten accións sobre a orixe das mesmas para poder ter unha actitude preventiva real, e demandamos novamente que se valore a incorporación de seguridade privada nos centros con máis problemática”, sinalan.

E lémbranlle ás persoas traballadoras a importancia de comunicar as agresións polos mecanismos establecidos, quedando a disposición en caso de precisar información das canles a seguir. “Porque ante as agresións na sanidade, tolerancia cero”.