Persoal da limpeza do CHUS demándalle a Sanidade que rescinda o contrato coa UTE Ilunion polos reiterados incumprimentos
Traballadoras e traballadores do servizo de limpeza dos hospitais Clínico e Gil Casares continuaron este venres coas mobilizacións para denunciar os reiterados incumprimentos da empresa concesionaria e o bloqueo da negociación para a actualización da bolsa de traballo e do concurso de vacantes.
Imaxes da manifestación do 27 de xuño no Hospital Clínico
Logo das protestas diante do Clínico e da concentración nos complexo da Xunta en San Caetano, o comité da UTE Ilunion- Ilunion Centro Especial de Emprego trasladou este venres a mobilización até as portas da Consellaría de Sanidade para demandarlle que actúe con firmeza na defensa dos dereitos laborais.
Neste camiño, Anxo Noceda, representante da CIG, explicou que se rexistrou un escrito dirixido ao conselleiro de Sanidade para instar a que se proceda á rescisión do contrato coa UTE Ilunion, de acordo ao que estabelece a Lei de contratos do sector público. “O artigo 211 recolle como causa da resolución dun contrato o incumprimento das condicións de traballo marcadas no convenio colectivo de aplicación. Neste caso, son manifesto os reiterados incumprimentos, especialmente en relación á cobertura de vacantes, ao exceso de carga de traballo, á falta de contratación adecuada, e á falta de cumprimento cos dereitos laborais básicos do persoal”, aseverou.
Sinalou que esta petición xa lle foi trasladada tamén á Xerencia do CHUS, que fixo caso omiso. Ante esta pasividade, o persoal acordou dirixirse directamente á consellaría “como órgano responsábel da supervisión e xestión dos servizos de saúde de Galiza”.
Ao non cumprimento dos pregos, hai que engadir ademais o bloqueo da empresa á negociación para a actualización da bolsa de traballo e do concurso de vacantes, que tiñan que terse ofertado xa no mes de novembro. Noceda lembrou que os problemas con Ilunion se arrastran dende hai anos “pero a empresa só dilata as solucións obtendo beneficios a conta dos dereitos do persoal”.
Un novo incumprimento: a empresa négase a aplicar a suba do 0,5%
Para máis abundar, hoxe mesmo coñeceuse un novo incumprimento, xa que a empresa comunicou a negativa a aplicar a suba salarial do 0,5% para o persoal empregado público, ao que as traballadoras e traballadores da limpeza das contratas do SERGAS tamén teñen dereito por ter recoñecida a equiparación salarial.
Por todo isto, Noceda exixiu unha actuación urxente da administración e xa avanzou que, de non adoptárense medidas, o persoal continuará nas próximas semanas e intensificará as protestas en defensa dos seus lexítimos dereitos.