• Nova

Persoal da planta de Lousame e veciñanza da comarca maniféstase en Noia por un plan de futuro

Teñen convocada para mañá luns, día 11 de outubro, unha xornada de folga
Compostela - 10 Out 2021

Traballadoras e traballadores da planta de reciclaxe de residuos sólidos urbanos de Lousame manifestáronse esta mañá polas rúas de Noia para exixir tanto da mancomunidade como da Xunta de Galiza un plan que garanta o futuro da actividade e a estabilidade de todos os postos de traballo. Á marcha sumáronse numerosas veciñas e veciños para manifestar o seu apoio ás demandas do persoal. Para mañá está convocada unha xornada de folga.

Ao comezo da manifestación, o representante da CIG, Paulo Rubido, lembrou que o comité de empresa puxo sobre a mesa un proxecto para garantir o futuro da planta tras da finalización do contrato en 2023, contemplando os requirimentos establecidos pola UE en materia de xestión de residuos sólidos urbanos.

O comité achegou este proxecto a todas as organizacións políticas con representación no Parlamento galego e aos concellos da mancomunidade para garantir o futuro da planta e a estabilidade de todos os postos de traballo.

O seguimento desta proposta foi o que permitiu ao comité descubrir que a mancomunidade non tiña proxecto ningún e destapou as graves carencias que poñen en perigo o futuro da planta. De feito soubo tamén que a empresa FCC realizara unha proposta á mancomunidade coa que se pretende suprimir a quenda de noite en triaxe e reducir o persoal en recollida.

Estas medidas terían, segundo Rubido, un importante impacto no actual modelo de reciclaxe, que quedaría desvirtuado, ao modificar o sistema de selección manual actual que foi o que permitiu situar a esta planta á cabeza de Europa en recuperación”.

O comité trasladou esta situación aos grupos parlamentarios da oposición e foi precisamente no debate que arredor desta cuestión se deu no Parlamento de Galiza como souberon que, segundo a Xunta, a planta era inviable por non adecuarse nin aos criterios definidos pola UE, nin os do Ministerio de Transición Ecolóxica.

O comité xa se dirixiu a todas as administracións implicadas para que aclaren esta situación e, en todo caso exixe un proxecto realizado pola mancomunidade e co apoio de todas as administracións que garanta a continuidade do que a día de hoxe é o centro de traballo máis grande da comarca.

O comité insiste en que a planta é viable e defende o seu modelo de xestión de residuos sólidos urbanos, que aínda a día de hoxe segue a ter os mellores datos de recuperación, con moita diferenza na comunidade autónoma.

Demanda dunha proposta de futuro á mancomunidade

O pasado martes, día 5 de outubro, unha representación do comité reuniuse coa directora de Calidade medioambiental da consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galiza. No decurso da xuntanza, a representante da consellaría mantivo a posición da Xunta de desentenderse do futuro da planta, reiterou as afirmacións nas que se asegura que a planta non cumpre cos requisitos nin da consellaría, nin do Ministerio. En todo caso si dixo que se a mancomunidade presenta un proxecto, que o estudarían.

O comité xa advertiu que actuará con contundencia no caso de que se leve a cabo a proposta de FCC, que pasa por eliminar postos de traballo e, polo momento, xa ten convocada a folga que terá lugar mañá.