Persoal da residencia La Magdalena das Pontes reclama condicións laborais dignas

Este xoves mobilizáronse diante do centro para pedir máis medios humanos e materiais, unha mellor organización do traballo e o cese das presións
As Pontes - 29 Xan 2026

A CIG desenvolveu unha concentración este xoves diante da residencia La Magdalena das Pontes para reclamar condicións laborais dignas, máis persoal e o cese das presións por parte da dirección. Coa protesta tamén se quixo rexeitar o despedimento disciplinario dunha traballadora e reclamar a súa readmisión inmediata.

Os problemas laborais nesta residencia véñense rexistrando dende hai tempo pero víronse agravados nos últimos tempos, provocando tamén un deterioro da calidade asistencial que se presta ás persoas usuarias. 

A CIG das Pontes advirte da falta constante de persoal nas quendas (especialmente persoal xerocultor e de enfermería), a mala organización do traballo, e unha intensa presión por parte da dirección da residencia (do Grupo Instituto Gerontológico Astur), que ademais fomenta o mal clima laboral entre as compañeiras e os compañeiros. 

Esta situación, apuntan, provocou que exista un importante número de persoas traballadoras con procesos de baixas médicas e outro tanto que, a pesar da súa antigüidade, optara por marchar do centro en busca doutros empregos. 

A isto engádese o recente despedimento disciplinario dunha compañeira, “utilizando, por parte da dirección, unha serie de argumentos xenéricos e abstractos, que pensamos que ten como obxectivo crear medo entre o persoal”.  

A representación da CIG subliña á necesidade de contar con condicións laborais adecuadas para poder ofrecer a mellor calidade asistencial, “pois non hai que esquecer que se traballa con persoas”. Na mesma liña demandan que se dispoña de todo o material necesario para os coidados das e dos residentes “que en ocasións é escaso e non hai previsión adecuada en relación co mesmo”.

A central sindical fai un chamamento á dirección da residencia para que cese nas prácticas de presión e organice o traballo “co persoal necesario para poder desenvolvelo nunhas condicións normais e dignas, tanto para as persoas traballadoras como para as persoas usuarias”.