Concentración en Carballo en repulsa á agresión sufrida por persoal do centro de saúde
Persoal da sanidade concentrouse no mediodía deste xoves diante do centro de saúde de Carballo en resposta á agresión sufrida por compañeiras dos servizos xerais deste centro e para trasladarlle a súa solidariedade. A Xunta de Persoal da área sanitaria da Coruña-Cee, diante deste novo episodio de violencia, vólvelle exixir á Xerencia a adopción urxente de medidas reais de protección, para garantir un entorno laboral seguro e digno.
A presidenta do órgano de representación, Lucía Peón (CIG), explica que un erro informático no sistema de devolución de chamadas provocou que un usuario acudise ao centro de saúde de Carballo “e acabase agredindo ás profesionais de servizos xerais (PSX), situadas na entrada da instalación”.
Este suceso súmase “á preocupante escalada de agresións que vimos denunciando reiteradamente, que amosa a falta de protección das/os profesionais da área" e que na maioría das veces se produce por motivos alleos ao desenvolvemento do traballo, como son as longas listas de agarda, os deficientes cadros de persoal ou os recortes na carteira de servizos. Engade que a ausencia de persoal de seguridade nos centros deixa as traballadoras e traballadores “en situación de inseguridade constante”.
Para a Xunta de Persoal, no caso concreto do centro de saúde de Carballo, pola cantidade de poboación que abrangue, a súa distancia respecto da cidade e polas súas propias características organizativas, “resulta imprescindíbel a incorporación inmediata dunha/dun profesional de seguridade que garanta a protección do persoal”.
Así mesmo, indican, hai tempo que se está demandando a implantación de dispositivos de aviso inmediato, que non se limiten aos ordenadores, “para que cando unha agresión estea a piques de producirse a/o profesional poida alertar ao resto do persoal”. Porén, critican que a Xerencia leva meses anunciando estudos sobre estes mecanismos, “pero sen adoptar medidas efectivas”.
Por iso, reiteran tamén a necesidade de contar con protocolos previos e posteriores ás agresións, que permitan tanto previr situacións de risco como aplicar as medidas punitivas que correspondan cando estas se producen.