Persoal de Ambulancias do Atlántico alerta sobre a desinfección deficiente de vehículos nos que viaxaron doentes con covid

Denuncian que os técnicos/as seguen facendo servizos a pesar de ter trasladado persoas contaxiadas
Vigo - 25 Nov 2020

Traballadores/as de Ambulancias do Atlántico, concesionaria do servizo de transporte sanitario non urxente da zona sur da provincia de Pontevedra, alertan sobre a desinfección deficiente, ou mesmo nula, dos vehículos nos que incluso viaxaron persoas que logo deron positivo por coronavirus. Ao mesmo tempo, denuncian que os técnicos/as e as ambulancias seguen a prestar servizo a pesar de ter trasladado a persoas contaxiadas.

Dende a representación da CIG no comité de Ambulancias do Atlántico amosan a súa preocupación polo que está a acontecer logo de que se veñan de confirmar catro casos positivos de doentes que fan uso dos vehículos para someterse a hemodiálise. Hai que lembrar que días atrás denunciaron publicamente que a empresa deu orde de que as persoas usuarias das ambulancias viaxen na parte dianteira dos vehículos no caso de que sexa necesario, medida que vulnera o protocolo de prevención de riscos laborais e non garante as medidas de protección fronte á covid. 

Non temos tempo para levar a cabo unha limpeza en profundidade, e agora ademais a empresa pretende que a fagamos na vía pública

Pois neste contexto veñen de coñecerse catro novos casos de contaxio entre doentes que fan uso das ambulancias. Tanto os técnicos/as como os vehículos que participaron nos traslados seguiron traballando, e as ambulancias non foron correctamente desinfectadas, como sucede en moitas ocasións como consecuencia do elevado volume de servizos. “Non temos tempo para levar a cabo unha limpeza en profundidade, e agora ademais a empresa pretende que a fagamos na vía pública”, critican.

Polo que veñen de saber, o Sergas creou a semana pasada unha quenda especial nocturna para trasladar os pacientes de hemodiálise contaxiados de coronavirus. “Teoricamente esas viaxes fanse en ambulancias individuais”, sinalan.