Persoal de Ambulancias do Atlántico mobilízase no Sergas en Vigo para reclamar a licitación do servizo

A folga non se fixo efectiva porque a Xunta intermediou para o cobro das nóminas pendentes, pero os incumprimentos laborais acumúlanse
Vigo - 02 Mai 2024

Persoal de Ambulancias do Atlántico e delegados/as sindicais do sector de ambulancias mobilizáronse este mediodía diante da delegación do Sergas en Vigo para reclamarlle á Xunta que inicie o proceso e dispoña os fondos necesarios para que unha nova empresa asuma o contrato de emerxencia e o servizo de transporte urxente de Vigo, Cangas e Moaña e o non urxente de toda a área sanitaria tras a renuncia da actual concesionaria.

As dúas xornadas de folga convocadas para hoxe e mañá non se fixeron finalmente efectivas unha vez que a Administración intermediou para garantir o cobro dos salarios pendentes, pero a protesta tivo lugar de igual xeito porque os incumprimentos laborais acumúlanse. En concreto, tal e como explican dende a representación da CIG en Ambulancias do Atlántico, tanto no que ten que ver co pago de pluses, horas extra e nocturnidades dende principios de ano (adebedando a empresa unha media de 150 euros por nómina a cada traballador/a) como na xestión “caótica” do servizo (problemas para repostar combustíbel, escaseza de material, etc).

O persoal afectado decidira en asemblea convocar as dúas xornadas de folga se antes do 1 de maio non percibían os seus soldos, “algo que se fixo in extremis o mediodía do 30 de abril coa fiscalización presencial da Consellaría de Sanidade do momento no que lle transferiron os cartos á empresa e esta levou a cabo o pago dos salarios”.

Xuntanza coa empresa

Está previsto que a parte social e empresarial manteñan unha xuntanza o vindeiro xoves en Vigo, para o representación sindical esixe que se nomee unha nova interlocución coa empresa e que na reunión participe tamén unha representación da Administración. “Xa nos adiantaron que seguramente sexa un cargo directivo da EOXI”.

Recentemente tanto responsábeis da Consellería como representantes da empresa indicáronlle á representación de CIG, CCOO e USO que o propietario de Ambulancias do Atlántico, Carlos Simón, volveu “marchar” e abandonou as súas responsabilidades na xerencia da compañía, deixando un poder especial para a Administración a unha traballadora e nomeando ao seu irmán, o tamén empresario Óscar Simón, como único interlocutor válido.
Este comunicoulle á Consellería de Sanidade que conta co seu "compromiso persoal" para facilitar o proceso de transición no cambio de empresa licitadora e para garantir o abono no pago de salarios, pero matizou que en ningún caso se poderá contar co seu compromiso patrimonial para estes fins.

Esta nova fuxida e o cambio de interlocutor non lle dá ningún tipo de confianza nin de garantías á representación do persoal, xa que Óscar Simón está a ser investigado dende marzo de 2023 polos Mossos d'Esquadra e a Garda Civil e interrogado pola Audiencia Nacional no marco dunha operación anticorrupción nas ambulancias catalás por unha suposta alteración da licitación pública en Catalunya cando era socio do seu irmán na mesma empresa.