Mobilización no hospital clínico contra os despedimentos en Ambulancias do Atlántico

Decidirán en asemblea se convocan folga na empresa e máis na UTE
Compostela - 03 Mar 2022

Traballadoras e traballadores do sector de ambulancias concentráronse esta mañá diante da porta principal do Hospital Clínico de Santiago para, posteriormente, percorrer o recinto en manifestación para reclamar a readmisión dos cinco traballadores despedidos: un na área sanitaria de Santiago e catro na área sanitaria de Vigo, sen que a empresa aducira motivo algún. 

No decurso da manifestación, o persoal apupou á empresa e máis á UTE e responsabilizou ao 061 e máis ao SERGAS da actual situación por, tal e como explicou o representante da CIG de Compostela, Nacho Pavón, “mirar para outro lado” diante duns despedimentos que cualificou como “caprichosos”.

O representante da FGAMT-CIG de Compostela apuntou que, en todo caso, a orixe dos despedimentos de Vigo e Compostela é diferente e acusou novamente á empresa de actuar deste xeito por un conflito na propia UTE “que nada ten que ver co persoal”. O representante da CIG manifestou o seu rexeitamento polo trato que está a recibir o persoal e lembrou que “estamos nun servizo público no que non é aceptable que se faga isto e que, aínda por riba, o 061 o permita”.

Neste sentido lembrou que por falta de persoal a empresa xa deixou inoperativa a ambulancia en dúas ocasións e denunciou que “uns estanse tapando a outros: a UTE está tapando á empresa e o SERGAS e a patronal están tapando a UTE e máis a empresa e aquí quen paga son, como sempre, as traballadoras e traballadores”.

Segundo Pavón a empresa incumpre os acordos que supoñían estabilidade laboral e que non houbera despedimentos e que nunca se puxera de manifesto ningunha queixa sobre o cadro de persoal que fixera pensar que foran despedir alguén. Por iso a súa indignación é maior. “Que non se nos informara previamente que había esta situación na UTE, considerámolo non só unha falta de respecto, senón mesmo unha traizón. E que despediran a un traballador para resolver os seus asuntos internos na UTE considerámolo sindicalmente, unha falta de respecto que terá consecuencias”.

O representante da CIG lembrou que ás empresas, logo da negociación do concurso e do acordo do convenio colectivo, se lles aumentou considerablemente a asignación económica nos pregos de condicións.  Un aumento que, precisou, na área sanitaria de Santiago foi por riba do 60%.

Novas mobilizacións

Nese sentido advertiu de que con isto o que fixeron foi poñer outra vez a todo o sector en pé de guerra ás portas, ademais, da negociación dun convenio colectivo que caduca este ano. De feito anunciou que os traballadores e traballadoras van decidir en asemblea se convocan folga en Ambulancias do Atlántico e máis na UTE e adiantou que xa está prevista unha nova mobilización, desta volta en Vigo, para o vindeiro día 11 de marzo.