Persoal de Atención Primaria da área de Vigo mobilízase pola falta de profesionais nos centros de saúde

A comisión de centro convocou unha concentración no centro de saúde da rúa Cuba
Vigo - 05 Feb 2026

Persoal de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo mobilizouse hoxe ao mediodía diante do centro de saúde da rúa Cuba convocado pola comisión de centro ao berro de “sen persoal non hai sanidade” para denunciar que a falta de efectivos está a provocar un grave deterioro das condicións laborais e da calidade asistencial. O feito de que se escollese esta instalación para levar a cabo a protesta responde a que se atopa nunha das peores condicións de toda a área sanitaria pola falta de até sete profesionais médicos, sobre todo na quenda de tarde.

Con estas accións reivindicativas as organizacións sindicais que fan parte da comisión de centro queren alertar de que esta situación de falta de persoal nos centros de saúde non é puntual se non que se está a cronificar. “Non para de aumentar, e mesmo ten empeorado tras as últimas incorporacións no mes de xaneiro, deixando a Atención Primaria nunha situación crítica”, tal e sinala denuncia a presidenta da comisión de centro, Pilar Rodríguez.

Esta situación supón un incremento da sobrecarga laboral nas profesionais que están nos centros, unha sobrecarga cronificada que cada ano vai en aumento sen que se dean solución reais. “Á falta de profesionais nalgunhas categorías súmase a falta de substitución noutras, ou mesmo a falta de medios nas áreas administrativas, nas que non se substitúen nin reforzan, non por falta de profesionais senón por falta de vontade por parte da Xerencia”.

O resultado é un problema que está a afectar a saúde das persoas traballadoras coa sobrecarga nos centros, o aumento da carga mental e a insatisfacción no plano laboral ao non poder desenvolver un traballo asistencial de calidade, superándose os 50-60 doentes/día, o que limita poder desenvolver traballo de promoción da saúde (fundamental na Atención Primaria).

As profesionais non poden xestionar o día a día dos centros por falta de persoal e de medios materiais, mais esíxeselles implicación para que os centros de saúde se “autoxestionen”, sen recibir apoio real por parte da dirección de Atención Primaria nin o persoal necesario por parte da dirección de Recursos Humanos.

O resultado no plano asistencial é o que a poboación xa coñece: listas de agarda que superan no mellor dos casos os 15 días, cupos sen profesionais de referencia atendidos cada día por unha nova persoa e a saturación dos Puntos de Atención Continuada e das Urxencias do hospital.

En consecuencia, desde a comisión de centro esíxenlle á dirección da área sanitaria que se poña á fronte da xestión da Atención Primaria para resolver moitos dos problemas cuxa solución está na súa man. Para o que a instan a escoitar as demandas que as profesionais trasladan mediante a representación legal das persoas traballadoras e a atender as demandas concretas que existen en cada centro de traballo. “Teñen que tomar medidas urxentes, e non dubidaremos en continuar as mobilizacións se non se abordan estas problemáticas dunha vez por todas”, rematan.