Persoal de coidados e atención ás persoas clama por condicións de traballo dignas

A CIG desenvolveu unha manifestación en Santiago de Compostela para exixir convenios colectivos xustos e calidade nos servizos prestados
Nacional - 22 Nov 2025

Persoal das residencias privadas de maiores e centros de día, dos servizos de axuda no fogar, de protección de menores e reforma, de atención á discapacidade e de educación infantil na etapa 0-3 sumaron forzas este sábado nunha manifestación conxunta na que reclamaron mellores condicións laborais e salariais e convenios colectivos de sector que dignifiquen e recoñezan o traballo esencial que prestan.

A mobilización saíu da Alameda de Compostela e rematou na Praza de Praterías onde se procedeu á lectura de manifestos nos que persoal deste sectores expuxo as condicións nas que ten que desenvolver o seu traballo, o escaso recoñecemento económico do seu labor, malia a enorme responsabilidade social das tarefas que realizan, ou a desidia da Consellaría de Política Social -que ten as competencias e a capacidade inspectora nestes ámbitos- ante as demandas laborais e para que se garantan uns coidados e unha atención ás persoas de calidade.

A isto súmase unha patronal intransixente que bloquea a negociación colectiva, como no caso das residencias privadas e centros de día convenio caducado dende 2023; que está desaparecida, como ocorre no SAF cun convenio sen actualizar dende 2012; ou que se aproveita do ámbito estatal para negociar convenios de miseria, como pasa nas escolas infantís 0-3, nos centros de protección de menores e reforma xuvenil ou na atención á discapacidade.

Nestes tres últimos sectores, a CIG leva anos traballando para conseguir que as respectivas patronais galegas avancen nun marco galego de negociación e que as traballadoras e traballadores poidan negociar aquí as súas condicións.  

Convenios caducados mentres a Xunta ignora as súas responsabilidades

No decurso da manifestación, as traballadoras de residencias e SAF, que levan meses de mobilizacións e folga, reiteraron estar fartas “de que as empresas e a Xunta nos ignoren e menosprecen” e de estaren condenadas a “salarios miserentos, xornadas interminábeis, contratos precarios e convenios caducados desde hai anos”.

Denunciaron a complicidade da conselleira de Política Social, Fabiola García, neste abandono, xa que “lonxe de tender a man o que fai é criminalizarnos por querer vivir do noso traballo e culparnos da precaria situación nas residencias, nos centros de día e no Servizo de Axuda no Fogar”.

Criticaron que, transcorridos varios meses do asasinato dunha compañeira do SAF do Porriño, non estea aprobado un protocolo eficaz para protexer as traballadoras e inciden na falta de medios, de equipos, de tempo para realizar os coidados adecuados, e xornadas laborais excesivas.

Fronte á política mercantilista e privatizadora dos coidados practicada polo Goberno do PP na Xunta, reivindicaron un xiro radical que permita dignificar o sector da dependencia. “Queremos infraestruturas adecuadas, ratios que permitan unha digna atención, protocolos reais e con recursos reais e convenios xustos con salarios e dereitos dignos, que rematen coa desigualdade entre servizos. Queremos un sistema que funcione para as persoas, non para as empresas”, aseveraron.

Ás portas da conmemoración do 25 de novembro, cualificaron o modelo de política social da Xunta de “explotación institucionalizada” e discriminatoria cara ás mulleres, porque se trata de sectores maioritariamente feminizados e precarizados. “A conselleira fala de acoso por exixir condicións laborais dignas, pero aquí, as únicas acosadas polo sistema político do Partido Popular, encabezado polo Presidente Rueda e a conselleira García, somos nós”.

Fronte a isto, as traballadoras reivindicaron convenios dignos, salarios xustos, xornadas humanas, condicións laborais seguras e que se poña en marcha un sistema público galego de servizos de atención ás persoas “que garanta que os coidados non sexan un negocio para uns poucos, senón un dereito de todas as persoas”. E avisaron: “non imos calar. Se non hai negociación, haberá mobilización. Se non hai diálogo, haberá folga”.

“Non somos garderías, somos escolas”

O sentimento de fartura é común a todos os ámbitos. Así o evidenciaron as traballadoras das escolas infantís privadas ou de xestión privatizada ao acusar ás administracións e á patronal de perpetuar “a nosa precariedade laboral e salarial” co actual convenio colectivo estatal que non responde ás reivindicacións e necesidades do persoal, nin á gratuidade de toda a etapa 0-3 na Galiza.

Unha condición que a Xunta vende como pioneira, pero a que se aplica a baixo custe, permitindo a discriminación salarial polos 3 niveis de táboas A, B e C recollidas no convenio estatal (que a CIG non asinou). Con salarios que non chegan ao SMI na gran maioría das categorías, as traballadoras reclamaron condicións salariais acordes ao seu traballo, formación e responsabilidade, unha redución da xornada laboral e tempo para que as educadoras poidan preparar as actividades e materiais.

“Non somos garderías: somos escolas”, e atendendo a esta realidade reivindicaron  “a relevancia e o recoñecemento da nosa profesión, tanto da docente como da non docente”.

Dereitos laborais e atención digna á discapacidade

Na mesma liña crítica expresáronse as persoas traballadoras dos centros de atención á discapacidade “que realizamos un traballo esencial, aínda que non se recoñeza como tal”, con salarios que non chegan ao SMI e cuxa suba absorbe os complementos que teñen recoñecidos.  Demandaron ás patronais galegas, AEDIGAL e INRED, “máis valentía” e constituír a Mesa de negociación por un convenio galego, tras do intento fracasado en xullo no Consello Galego de Relacións Laborais.

Dando así resposta á Xunta de Galiza “polo incremento tardío e parcial dos módulos no concerto social, non na liña dos incrementos salariais do XVI Convenio, que deben pagar as asociacións, co risco de levalas a situacións de descolgue salarial, ERT, ERE ou peches”. E pediron maior dotación de recursos humanos e materiais, así como baixada das ratios que garanta unha maior seguridade e mellor coidado tanto do persoal traballador coma das persoas con discapacidade.

Ratios imposíbeis, precariedade e medios insuficientes en menores e reforma

Pola súa banda, o persoal de protección de menores e reforma xuvenil máis do 80% dos centros son de xestión privada sen ánimo de lucro, “mais a Xunta mantén un modelo que emprega un convenio estatal precario e desfasado, alleo á realidade galega”. Destacaron que hai persoas traballadoras que cobran entre 500 e 800€ menos que quen realiza o mesmo labor nun centro público. “Hai ratios imposíbeis, falta de cobertura nas baixas, materiais escasos e espazos inadecuados para educar e protexer”, alertaron.

Puxeron en valor o traballo das e dos profesionais da educación, psicoloxía, traballo social, orientación e outras moitas categorías profesionais que sosteñen, día tras día, o funcionamento dos centros. “Facémolo moitas veces con medios materiais e humanos insuficientes, con salarios precarios e instalacións que non garanten nin a seguridade nin a calidade do servizo que merecen os e as menores galegas, crianzas e mocidade en situacións límite”.

A CIG leva case dous anos tentando que a Consellaría de Política Social atenda ás demandas colectivas, pero sen resposta. “Mentres tanto, os centros sofren saturación, persoal exhausto e fugas de profesionais cualificados/as que non poden continuar neste nivel de precariedade salarial e laboral. O sector de menores en Galiza está farto, ao bordo do colapso e precisa solucións”, remataron.