Persoal de IKF e delegados/as da CIG mobilízanse en Vigo para forzar a intervención da Xunta no conflito

Os traballadores/as da empresa da Guarda levan 32 días de folga contra a dobre escala salarial

Vigo - Vigo -

O cadro de persoal de IKF, empresa da Guarda que fabrica materiais refractarios, mobilizáronse hoxe diante da Xunta en Vigo xunto a delegados/as da CIG para reclamar a intervención do Goberno galego no conflito laboral. Os traballadores/as levan 32 días de folga para rexeitar a dobre escala salarial que a compañía pretende prolongar no tempo e en defensa das súas condicións laborais.

A concentración ás portas da delegación do Goberno autonómico na cidade desenvolveuse entre as 11:00 e as 13:00 horas, tempo no que os afectados/as despregaron unha faixa na que se podía ler “Pola defensa dos nosos dereitos. Non máis retrocesos sociais. IKF en folga” e berraron consignas como “A igual traballo igual salario”, “IKF escoita estamos en loita” ou “Non somos escravos somos traballadores”.

Con esta protesta pretenden forzar a Xunta a intervir nun conflito que manteñen coa dirección da transnacional francesa dende o mes de xullo. Neste senso solicitaron unha reunión coa delegada autonómica, mais continúan á espera de resposta.

O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, que participou na mobilización, tomou a palabra para deixar moi claro que a loita do persoal de IKF “é un orgullo para toda a central sindical” e salientou a unidade dos traballadores/as para manter “unha folga heroica” que amosa “o mellor que temos a clase traballadora, que é a solidariedade de clase, xa que a dobre escala salarial aféctalle só a tres persoas”.

Ao mesmo tempo lembrou que aínda que IKF é unha empresa privada, a Xunta ten plenas competencias en materia industrial, polo que lles esixiu aos responsábeis autonómicos que a exerzan. Neste senso criticou a súa inacción, ao igual que a da propia Inspección de Traballo.

Aproveitou para cargar contra as reformas laborais de PSOE e PP, que permiten que as empresas afonden deste xeito na precarización das condicións laborais, e adiantou que a central sindical continuará a mobilizarse até conseguir derogalas. “Porque non imos permitir que continúen estes ataques contra os nosos dereitos”.

Salientou tamén o feito de que o cadro de persoal “segue a manter a dignidade” a pesar de todos os atrancos e denunciou a actitude “chulesca e soberbia” da dirección. “Que non pensen que nos van dobregar, imos apoiar esta loita até onde faga falta”.

Na concentración diante da Xunta participaron tamén outros responsábeis da CIG como o secretarios nacional e comarcal da federación da Construción, Plácido Valencia e Carlos Méndez, o secretario da Unión Local do Baixo Miño, Fin Fernández, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Paco Sío.

Volver