
Persoal de residencias privadas galegas mobilízase en Vigo nun acto co presidente da Xunta e a conselleira de Política Social

Persoas traballadoras das residencias da terceira idade privadas chegadas dende distintos puntos de Galiza mobilizáronse hoxe en Vigo convocadas pola CIG no marco da loita que están a desenvolver para reclamar un convenio colectivo digno. Nesta ocasión trasladaron as súas reivindicacións ao XXII Congreso da Confederación Española de Organizaciones de Mayores (CEOMA), no que participaban, entre outros responsábeis políticos, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García.

A protesta desenvolveuse ás portas do centro social de Abanca de 9:00 a 10:00 horas ao berro de “Convenio digno, convenio xa”, “Traballo de coidados con dereitos e salarios”, “Negociación e non explotación”, “Eles a roubar e nós a enfermar”, “Tanto traballar para case non cobrar” e “Fabiola, covarde, a xente está que arde”. Esta última consigna foi precisamente unha das máis coreadas, xa que tal e como sinalan dende a CIG-Servizos “levamos varios meses agardando que nos respondan ás peticións de xuntanza coa conselleira”.
Na central sindical lembran que a Xunta é a principal responsábel da precariedade que padece o persoal do sector “en complicidade coas grandes empresas”. De aí que decidisen trasladar as súas reivindicacións a un acto no que participaron os responsábeis autonómicos e no que tamén estivo presente o Defensor do Pobo, Ángel Gabilondo.
As mobilizacións continuarán nos vindeiros días, primeiro cunha manifestación nacional en Santiago este sábado 26 (con saída dende a Alameda ás 11:00 horas) e despois coincidindo coa terceira e cuarta xornada de folga convocada pola CIG no sector os vindeiros 7 e 21 de maio.