Persoal de seguridade de Reganosa concéntrase nas oficinas de Ilunion en protesta pola inxusta sanción a un compañeiro

Ferrol - 24 Abr 2024

A CIG-Servizos realizou unha concentración este luns diante das oficinas de Ilunion Seguridad na Coruña en protesta pola inxusta sanción imposta pola empresa (que xestiona o servizo de seguridade privada e control de accesos a Reganosa e Forestal del Atlántico), alegando que transgrediu a "boa fe contractual".

Hai que lembrar que este contrato de seguridade de ambas factorías do Grupo Tojeiro (propietario tamén de Gadis) vén sendo obxecto de continuadas irregularidades, abusos laborais e incumprimentos por parte de cada unha das empresas que consecutivamente se fan co servizo. Tamén agora con Ilunion Seguridade (do Grupo Social Once) os problemas e o deterioro das condicións de traballo proseguen.

Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, explica que o compañeiro afectado se atopaba de baixa médica durante o traspaso do servizo de GFS a NORVIK, e finalmente tamén no paso á empresa Ilunion, "polo que na empresa aínda non saben que cara ten nin como traballa, pero si se sentiron o suficientemente coñecedores da súa situación como para sancionalo".

Apunta que tras repetidos contactos coa empresa solicitando a comunicación de subrogación, e tendo pasados máis de 3 meses dende a sucesión efectiva de empresas, "finalmente Ilunion remítelle unha carta onde se lle informa a subrogación, pero “esquecendo” sinalar o centro de traballo para el asignado, a pesar de levar máis de 17 anos prestando servizos no control de accesos a Reganosa".

Ante tal situación, o traballador devolveu a carta asinada engadindo o centro de traballo asignado ao final do escrito. "Dita resposta non debeu ser do agrado da empresa, motivo polo cal procede a sancionalo con dous meses de emprego e soldo pola comisión dunha falta cualificada como moi grave".

A CIG-Servizos denuncia este comportamento da empresa "cunha persoa enferma que ve como a empresa se esquece dela durante meses e cando por fin lle fai caso remite a documentación incompleta, supoñendo isto unha pésima e neglixente xestión do persoal por parte de Ilunion".