Persoal do comercio de alimentación mobilízase contra os intentos de Gadis de perseguir o dereito á folga

A empresa presentou unha demanda reclamando 1.250.000 euros, contía que considera que deixou de gañar durante os paros
A Coruña - 20 Xul 2026

Persoal do comercio de alimentación concentrouse este luns diante do SMAC da Coruña en defensa do dereito fundamental á folga. A protesta coincidiu co acto de conciliación previo pola demanda que a empresa presentou contra o comité de folga e os sindicatos convocantes reclamándolles 1,2 millóns de euros polo que deixou de ganar durante as  exitosas xornadas de folga realizadas no comercio de alimentación da Coruña por un convenio digno.

"Vivamos como escravas explotadas en confianza", "non imos parar até negociar" ou convenio digno, salario xusto", foron algunhas das consignas que se corearon durante a protesta diante do SMAC que, como era obvio, rematou sen avinza. Para Roberto Pérez, representante da CIG na mesa de negociación, con esta demanda Gadis pretende amedrentar o persoal para que cese nas súas mobilizacións polo convenio colectivo.

Cualifica de irracional as pretensións da empresa que “nun contexto de convocatoria de folga totalmente legal e pacífica, pretende reclamarlle ás persoas folguistas que lle paguen polo que deixaron de ganar”. Neste senso, Pérez subliña que o propio texto da demanda “é o relato do éxito da folga” e adiantou que “non ten ningún percorrido na vía xudicial” porque “o dereito á folga é un dereito fundamental da clase traballadora”.

Máis aínda, considerou este movemento da empresa “como temerario” e un “intento moi burdo de influír na negociación do convenio”. Por iso, xa advertiu que este tipo de estratexias patronais “non van funcionar” e que o persoal continuará adiante coas reivindicacións por unhas condicións laborais e salariais dignas nos sector.

O representante da CIG lembrou que xa están convocadas tres xornadas de folga máis no comercio de alimentación da Coruña para os días 24, 25 e 26 de xullo ante a falta de avances significativos na negociación.

Sen avances na negociación

“Na reunión do pasado venres, a patronal moveuse un mínimo na súa proposta económica pero sen garantir o que reclaman as traballadoras e os traballadores que é unha suba por enriba do IPC. Nese punto as posturas están moi afastadas”, indicou. Pero xusto despois da xuntanza, chegou unha nova solicitude de mediación no AGA “que nos parece precipitada”.

Neste senso os catro sindicatos con presenza na mesa de negociación acordarán ao longo deste luns se aceptan ou non a mediación así como os próximos pasos a dar.