Persoal do comercio fixo folga este 26 de xullo, domingo de apertura autorizada, para esixir condicións laborais e salariais dignas e denunciar a precariedade e a sobrecarga de traballo que teñen que soportar. A folga convocada pola CIG-Servizos insírese na campaña iniciada coas concentracións dos pasados 6 e 27 de marzo, a xornada de paro do xoves 2 de abril e as protestas do venres 17 de xullo, e terá continuidade cunha nova xornada de folga o 15 de agosto.
A CIG-Servizos denuncia a sobrecarga de traballo que ten que asumir o persoal do sector, a falta de conciliación e uns salarios que apenas superan o SMI, mentres as empresas obteñen beneficios millonarios. Ademais, advirte da ofensiva patronal para centralizar a negociación colectiva e afastar a capacidade de decisión dos centros de traballo, polo que reclama o dereito a negociar en Galiza os convenios.
Por iso, con esta campaña de mobilizacións, a CIG-Servizos reivindica:
Incremento dos cadros de persoal, convertendo xornadas parciais en completas e garantindo a contratación do persoal necesario para evitar a sobrecarga laboral.
Descanso e conciliación, con quendas e horarios estables que non sufran modificacións diarias ou semanais, que faciliten a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e que respecten o descanso diario e semanal e a voluntariedade de traballar en domingos ou festivos.
Salarios xustos, implementando nos vindeiros convenios pluses que recoñezan o valor do traballo e retribúan aspectos como responsabilidade, polivalencia ou dispoñibilidade.
Acordo marco galego conformando unha mesa de negociación que traballe na consecución dun Acordo Marco Galego de Comercio que recolla as necesidades específicas de todo o comercio galego e que protexa a negociación provincial fronte a estatal.