• Nova

Persoal do Sergas concéntrase en todas as áreas sanitarias pola recuperación dos soldos “roubados”

Denuncian que están á cola dos servizos de saúde do Estado e doutras administracións
Nacional - 09 Set 2021

Persoal do SERGAS e delegados e delegadas da CIG concentráronse esta mañá en todas as áreas sanitarias para demandar a recuperación dos salarios que lles foron arrebatados. Unha decisión que tomou o goberno de Feixó á súa chegada ao poder e que non estaba aínda, daquela, condicionada pola crise económica porque a Lei de Medidas de Estabilidade Orzamentaria, pola que se recortaron as condicións laborais e retributivas do persoal dependente das administracións públicas, tanto estatal como galega, non foi promulgada atén 2012.

A CIG-Saúde denuncia que Feixó adoptou á súa chegada ao goberno a “medida estrela” de conxelar os salarios dos traballadores/as da sanidade pública galega dos exercicios 2010, 2011 e 2012 do persoal do SERGAS. Decisión que non afectou ao resto do persoal da administración pública.

Desde aquela a central sindical vén reclamando a devolución dos dereitos retributivos das traballadoras e traballadores da sanidade pública galega. Máis cando desde o goberno da Xunta se promoveron acordos de mellora salarial -á que tiñan dereito- para outros colectivos ou cando se recoñeceu a carreira profesional para todo o persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza.

A CIG-Saúde lembra que cando o goberno estatal anunciou que había unha recuperación económica, a través das distintas mesas de negociación fixéronse calendarios para a recuperación dos recortes que se produciron mediante esa lei de estabilidade. Porén, máis unha vez “Feixó negouse de forma sistemática a establecer ningún calendario de recuperación para devolver ao persoal do SERGAS os salarios que leva conxelados nos exercicios 2010, 2011 e 2012”.

Á cola dos servizos de saúde

O persoal incide en que non está a pedir un incremento salarial, senón que se lles devolvan os salarios que tiñan que ter percibido e que terían permitido que se equipararan as súas condicións á media dos servizos de saúde. Fronte a iso denuncian que seguen estando retributivamente á cola dos servizos de saúde e cuns salarios que minimizan a diferenza salarial que temos co resto de traballadores e traballadoras da administración pública.

Denuncian ademais que entre o persoal do SERGAS de igual nivel, pero dunha maior exixencia no rango de titulación hai unha diferenza co resto do persoal da administración pública de entre 200 e 400 euros mensuais. É dicir, un traballador ou traballadora da administración pública que traballa de luns a venres percibe unha retribución fronte o persoal do SERGAS que ten unha prestación de servizo as 24 horas do día, os 365 días do ano, de entre 200 e 400 euros. Diferenza que queda constatada na orde de confección de nóminas que anualmente publica a Xunta de Galiza.

Calendario de recuperación

A CIG-Saúde reprocha que “Feixó presuma do bo traballo realizado polo persoal da sanidade pública galega e faga promoción política e persoal con isto”. Lembra que foron quen estiveron á fronte da pandemia e denuncia que, porén, o recoñecemento do SERGAS ao seu traballo é seguir negando o establecemento dun calendario de recuperación que “estamos dispostos a pactar e que sexa en máis dun exercicio orzamentario”.

A CIG-Saúde exixe tamén que nesta recuperación de salarios se muden os niveis retributivos que ten cada colectivo. Considera que “non é de recibo que un administrativo da Xunta de Galiza, para o que o requisito de titulación é o bacharelato, poida ter un nivel de entre o 18 e o 25 cando un médico ou médica, que ten un requisito de titulación de medicina e un MIR, teña un nivel 24”.

Subliña que levan anos reclamando unha modificación dos niveis para adaptalos a requisitos de titulación e a prestación de servizo porque son polos que se regulan as retribucións que se perciben e demandou que “de inmediato o persoal médico pase a ter nivel 26 e que se senten dunha vez a facer unha readaptación en función dos requisitos de titulación e a prestación de servizo para que teñan a clasificación que corresponde”.