Persoal e veciñanza reclaman no Son a intervención da Xunta na Planta de Lixo de Lousame

Manifestáronse na vila en defensa do actual modelo de tratamento de lixo
Porto do Son - 30 Ago 2021

Traballadoras e traballadores da planta para Tratamento e Recollida de Lixo da Mancomunidade do Barbanza  manifestáronse este domingo polas rúas de Porto de Son en demanda de que a Xunta de Galiza interveña para garantir o seu futuro mantendo o actual modelo. Unha mobilización á que se sumou a veciñanza en apoio aos 160 postos de traballo directos, dos que o 60% están ocupados por mulleres, que estarían en cuestión se non se solucionan os problemas que ten actualmente e se por converter nunha planta de transferencia de Sogama.

Ás 11:00 da mañá iniciábase a xornada cunha caravana de vehículos desde a vila de Portosín, que rematou, unha hora despois, na igrexa de San Vicente de Noal para continuar a pé, en manifestación pola vila até a Casa do concello de Porto Son.

Alí alertaron da situación que arrastra a planta de Lousame pola deficiente xestión dos concellos que conforman a mancomunidade porque, segundo explicou Paulo Rubido, representante da CIG, non se creou unha estrutura, nin houbo unha persoa responsable para a súa xestión.

Ao seu entender, ao non se facer cargo ninguén, “sen previsión de gastos e sen xestionar o contrato como deberían comezaron a aparecer os problemas” entre os que apuntou a gran débeda xerada, que a partir do sétimo ano derivou en problemas de pagamento. “Non quixeron actualizar as subas que lle tiñan que aplicar a FCC, entre elas as derivadas dos custos laborais. Foron a xuízo e evidentemente perderon”. Unha situación que persistiu, deteriorándose a relación coa empresa ao se xudicializar todo.

Isto derivou en problemas para o propio desenvolvemento do traballo. De feito, a falta de previsión de gastos  provocou que, chegado o momento de renovar a flota de camións, prevista por contrato aos 10 anos, esta non se puidera acometer. “Dos 10 anos para aquí, a medida que os camións tiñan máis anos e as lóxicas avarías, empezaron a deteriorarse máis, a ter problemas de recollida e tiveron que solicitar créditos e axudas á deputación”. O mesmo ocorreu coa volteadora de compost, estragada desde hai aproximadamente 5 anos e que non se puido renovar por falta de investimento.

Rubido apuntou ademais os problemas do vertedoiro, onde se acumulou o lixo sen tratar durante os meses do confinamento e que hoxe supera en 25.000 toneladas a capacidade prevista cando foi deseñado.

A alternativa de Sogama

O novo concurso terá lugar en 2023 pero o comité teme que, no canto de solucionar estes problemas, acaben por converter a planta de reciclaxe nunha simple planta de transferencia de Sogama. Isto suporía non só abandonar un modelo de xestión de residuos que situou á planta de Lousame como a de maior reciclaxe do Estado e entre as primeiras de Europa, senón tamén a desaparición de dúas quendas e, polo tanto, de persoal.

Por iso, con esta mobilización, querían chamar a atención da Xunta de Galiza e, nomeadamente da conselleira, para que se atendan as súas demandas dun novo vertedoiro para material rexeitado; que se chegue con Sogama a un acordo para que se poida levar alí, unha vez se realice en planta a selección manual; que se axeiten mellor as instalacións para facer compost, incluíndo a compra dunha volteadora; que se planifique a renovación da flota de camións e que se retomen as campañas de sensibilización nos concellos sobre a selección de residuos en orixe porque “un mal depósito do lixo en orixe dificulta e encarece enormemente a elaboración de compost, ademais de provocar que sexa de peor calidade”.

Ademais o comité demanda a súa intervención para solucionar os problemas de xestión, creando unha mínima estrutura, cunha persoa xestora e un corpo directivo. De non ser a Xunta esa segunda administración, consideran que debería ser entón a Deputación, que ten competencia en residuos sólidos urbanos, como ocorre coa de Pontevedra, que agora está desenvolvendo un plan de composteiros caseiros de compost en orixe.