O persoal de Eroski-Familia manifestarase na Coruña para denunciar os baixos salarios que teñen e a precariedade laboral

A Coruña - 12 Dec 2022

Delegadas da CIG nos supermercados Eroski-Familia desenvolveron este luns unha acción reivindicativa para denunciar a precariedade salarial e laboral que padecen e informar da manifestación que teñen convocada na Coruña para o domingo 18 de decembro. A mobilización, con carácter provincial, sairá ás 12:00 horas dende a Praza de Pontevedra.

Na protesta deste luns as delegadas da CIG denunciaron que os traballadores e as traballadoras de Eroski-Familia son as que menos cobran de todo o sector do comercio de alimentación e veñen perdendo poder adquisitivo ano tras ano dende que a empresa saíu do convenio provincial en 2006 e negociou un convenio propio de ámbito estatal xunto con CCOO, FETICO e UGT.

Subliñan que as diferenzas retributivas entre o convenio de Eroski e o de comercio de alimentación da provincia da Coruña (que aplican empresas como Gadis ou Froiz) chegan aos 3000 euros anuais, para persoal que ten a mesma categoría e antigüidade. Pero ademais, o persoal de Eroski-Familia traballa máis horas ao ano, dispón de menos licencias e incluso perdeu o dereito ao plus de transporte.

A este respecto, Mari Carmen Campos, delegada CIG, indicou que no convenio propio o tempo de descanso para as xornadas superiores a 6 horas non se contabiliza como tempo de traballo efectivo, "o que supón que cada ano traballamos unhas 60 horas máis que as compañeiras e compañeiros do sector que están no convenio provincial".

A empresa pretende perpetuar a pobreza

A nova reforma laboral estabelece que un convenio de empresa non pode ter condicións inferiores ás do convenio sectorial de referencia. Por iso, o grupo Eroski (que en Galiza opera cunha sociedade ao 50% con Vegalsa, empresa propietaria da coñecida cadea de supermercados Familia) iniciou un proceso de negociación en Madrid co obxectivo de pasar a aplicar o convenio estatal de grandes almacéns.

Pero este convenio tamén contempla salarios e condicións máis baixas que as recollidas no convenio de comercio de alimentación da Coruña, de maneira que aquelas persoas que por antigüidade ou categoría perciben retribucións máis elevadas ficarían cos soldos conxelados durante anos.

A CIG dubida da legalidade de pasar ao marco estatal, xa que esta cadea de supermercados non pertence ao sector de grandes almacéns. Ademais, este cambio suporía perpetuar a precariedade e a pobreza laboral que padecen as traballadoras e traballadores de Eroski-Vegalsa.

Como exemplo, as delegadas da CIG subliñan que as subas pactadas no convenio de grandes almacéns para 2021 e 2022 son dun miserento 1%, mentres que no convenio provincial xa están negociadas subas de entre o 12% e o 16% para os próximos tres anos.

Engaden que "as compañeiras do convenio provincial van cobrar uns 600 euros de atrasos este mes, mentres nós somos cada día máis pobres". Ademais, no convenio provincial establécese unha redución da xornada anual máxima a partir de 2023 e xa ten recoñecidos dereitos sociais superiores como tres días de asuntos propios ou tres sábados libres ao ano a elixir sen que se altere o resto do calendario.

Por iso, coa manifestación do próximo domingo, as traballadoras e traballadores reclaman regresar ao convenio provincial "do que nunca nos deberon sacar". En Galiza traballan nesta compañía unhas 6000 persoas e na provincia da Coruña a empresa conta cunhas 2000 empregadas e empregados.