Planosa, 25 días de folga en 1977 e un éxito do SOG

Manuel Mera - 27 Mai 2026

Foron aspectos fundamentais para manter a folga e vencer a resistencia da patronal a participación da gran maioría dos empregados e empregadas da fábrica nos piquetes, así como a solidariedade do resto de empresas para contar cunha caixa de resistencia, utilización dos medios de comunicación e a visita solidaria dos traballadores/as doutras empresas

 Planosa era unha empresa situada en Vigo e que pertencía ao grupo Rumasa (aínda que o que mandaba na fábrica era un chileno, que seica marchara na época de Allende). Facía pezas plásticas, desde volantes e salpicadeiros para coches até mangueiras. O cadro de persoal da fábrica era de 120 persoas, tanto homes como mulleres.

 Naquel intre a cidade fervía con manifestacións dos traballadores de Barreras (estaleiro), había moita actividade e debate na Asociación Cultural de Vigo, e o sindicalismo nacionalista estaba en pleno proceso de organización. Utilizaba como base para as reunións tanto a Cultural como unha academia na rúa Ecuador, ou un local no Barrio das Flores relacionado con varios cregos, seica militantes da teoloxía da liberación (Benito, Fierro, Ogando, etc.). Neste contexto comecei de novo a militar nunha célula da UPG e asistín a algunha reunión do SOG na que participaban, entre outros, Anxo García Méndez –Felipe– e Elvira Souto Presedo.

 Nos primeiros meses de 1977 o proceso acelerouse, tanto social como politicamente. Folga en Ascon e protestas nas rúas, con cortes de trafico; paro cen Corfi do Porriño, folga e despedimentos na Metalúrgica e en Cablerías Condutoras, paro na construción provincial e no sector do transporte, etc. Dicíame Francisco Pérez que entre os despedidos de La Metalúrgica, ademais de Elvira Souto, estaban Cabaleiro e Isidro (un compañeiro delegado do metal do SOG que traballaba daquela en Flex). Neste período moitas manifestacións son reprimidas, como a do 1º de Maio. A nivel político faise unha campaña intensa, tamén pola ING, pedindo a amnistía e democracia, que dará resultados aos poucos. Por exemplo: La Voz de Galicia do 22 de marzo titulaba a tres columnas: “os catro militantes da UPG contan a súa estancia de dous anos na cárcere” (falaba de Manolo Fernández, de 24 anos, Xan López, de 28, Xosé Brañas, de 28, e Marisa Vázquez Barquero, de 29, que sairán de prisión o 23 de marzo).

Rachan as negociacións

 O paro en Planosa encetou o 26 de maio de 1977 despois de que a asemblea de traballadores/as non aceptase o texto do convenio negociado polo sindicato vertical e a dirección da empresa. O SOG acusaría os xurados (representantes do sindicato vertical) de manter unha postura branda, permitindo que a negociación se alongase até que devecese a contestación. Había meses que os do SOG faciamos reunións, axuntabamos militantes, espallabamos panfletos na empresa (normalmente nos vestiarios) que causaban máis dun cabreo nos cargos do vertical, a algún encargado, e en todos os xefes. Polo tanto, o resultado da asemblea na que se decide rexeitar o convenio non sería casual, nin consecuencia exclusiva dun contexto de mobilización, senón consecuencia do traballo interno de organizar, debater e facer participar, como se vería posteriormente. À asemblea viñeron os cargos provinciais do [sindicato] vertical para frear o paro, entre eles Ribó, que era presidente da UTT (Unión de Trabajadores y Técnicos) de Químicas, e traballador de Reyman, unha empresa do sector do caucho situada no barrio de Coia.

 Hai que dicir que tanto Ribó como unha parte destes dirixentes do vertical do sector químico remataron entrando no SOG ao pouco tempo, axudaron moito o sindicato a se expandir no sector, e mesmo farían propaganda nacionalista nos procesos electorais. Houbo debate na central sindical cando nos pediron entrar no SOG, entre os que temían que quixeran facer “entrismo” e os que pensabamos que era un feito que confirmaba que tiñamos unha proposta atractiva mesmo para sectores que actuaban no seo da CNS –sindicato vertical-. Lembremos que CCOO utilizaba desde había algúns anos a estrutura vertical, a diferenza do SOG ou da UGT que rexeitamos de plano esta organización verticalista (ou sexa parte da estrutura da ditadura franquista) na que convivían obreiros e patróns, ao abeiro de negar a loita de clases.

 Entre as reivindicacións estaban: un aumento lineal de 5.000 pesetas para todas as categorías, 30 pesetas de plus de transporte e que cesase a discriminación de xénero no plus de puntualidade que a empresa pagaba só aos homes, co falso argumento de estes realizaren un esforzo maior. Ese último punto reivindicativo adiou a resolución do conflito, xa que a patronal o tiña para diminuír custos, e meter unha cuña de xénero no persoal laboral.

25 días de folga

 Convocouse o paro indefinido e elixiuse un Comité de Folga, aproveitando a posibilidade que abría a nova lexislación. O Real Decreto (RD) do 4 de marzo eliminou as restricións ao dereito de folga, aínda que habería que esperar á aprobación da Constitución de 1978 para podelo exercer plenamente. O 1 de abril publicase un RD sobre asociación sindical que se completa con outro do 22 de abril sobre depósito de Estatutos das organizacións sindicais. O Comité de Folga estaría composto por 8 membros, cinco dos cales eran do SOG (un deles o que escribe este artigo), aínda que ao remate do paro todos e todas se afiliarían ao sindicato. Os membros/as do Comité de Folga eran: Antonio Campelo, Ángel Soto Araújo, Pilar Laranxeiro, Amalia Rodríguez, Manuel Graña Barciela, Manuel Crego, Francisco Pérez e Manuel Mera.

 Como un dato complementario dicir que un día antes do inicio do paro, o 25 de maio, facíase a presentación pública da Intersindical Nacional Galega (ING) na AISS (Casa Sindical) e salientaban os xornais(1): “cheo total do salón de actos da Delegación da AISS (...) Gardouse un minuto de silencio en memoria de todos os traballadores e traballadoras mortos en defensa da clase obreira, especialmente de Moncho Reboiras, Amador Rei e Daniel Niebla, así como dos  mortos recentemente en Euskadi. O acto finalizou coa interpretación da Internacional e o Himno Galego, cantados polos presentes co puño en alto”.

 O paro alongouse durante 25 días, nos que nos últimos houbo momentos de desmoralización, xa que parecía que, malia o longo do paro, a dirección non ía sentar a negociar co Comité de Folga. Di sobre este tema un artigo do Eixo nº 11: “mantivemos piquetes día e noite para evitar que a patronal quitara moldes ou pezas; a pesares disto en máis dunha oportunidade tivemos que denunciar á dirección da empresa que intentaba rachar coa folga mediante o traballo a domicilio”. Fai mención este mesmo artigo a que “nos últimos días os traballadores e traballadoras recolleron no fondo de solidariedade unhas 350.000 pesetas, das que 60.000 foron repartidas entre os casos máis necesitados, e o resto a un fundo para contribuír a todas as loitas dos traballadores de Galiza”. Concretamente, sería entregado aos traballadores en folga de Vidrios La Florida.

 Foron aspectos fundamentais para manter a folga e vencer a resistencia da patronal a participación da gran maioría dos empregados e empregadas da fábrica nos piquetes, así como a solidariedade do resto de empresas para contar cunha caixa de resistencia, utilización dos medios de comunicación e a visita solidaria dos traballadores/as doutras empresas.

 O día 8 de xuño recollen os xornais(2): “O Comité de Folga de Planosa reuniuse onte co Delegado de Traballo con quen tratou sobre a denuncia presentada anteriormente por existir persoal a domicilio e sen contratar que ven repasando as pezas para a empresa, contravindo a normativa sobre folga legal. Denúnciase tamén da negativa da empresa a aboar a diferenza da nómina adebedada ao persoal. Informan, así mesmo, de que até agora non se produciu ningún contacto entre o persoal e a empresa para chegaren a un acordo”. O mesmo xornal repetía na súa edición do 11 de xuño que aínda non había negociacións, e xa ían 16 días de folga.

Un éxito da mobilización

 O día 20 de xuño remata o paro, despois de que a patronal aceptase reunirse formalmente co Comité de Folga, e de longas e duras negociacións. Lograr a igualdade de salario entre homes e mulleres prolongou o paro, xa que non era aceptado pola dirección da empresa, que quería manter o plus de puntualidade só para os homes, mais ao final logrouse que fose para todo o persoal. Os resultados foron os seguintes: 4.500 pesetas de aumento para todas as categorías; que pasasen a fixos de 'plantilla' os contratados eventuais; 30 pesetas diarias de plus de transporte; 1.500 pesetas de plus de puntualidade; 30 días de pagas de beneficios; 30 días de vacacións; duración do convenio por un ano; e, ademais, o recoñecemento do Comité de Folga como representante do persoal. Deste xeito na práctica desprazábase os xurados e enlaces do vertical, adiantándose o proceso electoral da convocatoria oficial (proceso que por suposto tamén se realizou na empresa en 1978).

 Conseguíanse un salario de 320.000 pesetas ano. Cando comezaron as negociacións o salario anual era de 245.000 pesetas. Din os xornais: “O Comité de Folga –cuxos 8 compoñentes xa pertencen ao SOG- salientou a unidade durante o conflito e a solidariedade dos traballadores/as e veciños/as de Vigo, o que permitiu recadar 350.000 pesetas para a caixa de resistencia”. Como consecuencia deste éxito na folga non só se conseguiu polo SOG unha boa representación sindical na empresa nas eleccións de 1978  (8 dos 9 delegados) senón que se acadou un número de afiliados/as importante, se non lembro mal uns noventa sobre un cadro de persoal de cento vinte, converténdose na primeira empresa de Vigo con afiliación masiva no SOG, ao que hai que engadir o logro da igualdade salarial entre homes e mulleres.

___________________________________________________________________________

Notas:

(1) La Voz de Galicia, de 26 de maio de 1977.

(2) La Voz de Galicia, do 8 de xuño de 1977.

___________________________________________________________________________

 

[Galiza, 27 de maio de 2026]