Por unha sanidade e unha universidade públicas

A CIG participa activamente nas protestas en defensa da saúde e do ensino

Nacional -

A política sanitaria da Xunta de Galiza está levando á sanidade pública a un punto de difícil retorno se non a paramos entre todas e todos. Por iso a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública galega convocou unha manifestación en Santiago de Compostela este domingo día 9.

Non podemos consentir o recorte constante de recursos; nin o desmantelamento de hospitais, nomeadamente os comarcais; nin o abandono da Atención Primaria; nin a vulneración de dereitos das persoas con problemas de saúde mental; nin os recortes no desenvolvemento do plan de atención integral á saúde da muller; nin a ocultación e manipulación das listas de agarda.

Cunha resposta masiva sostida no tempo podemos frear a política de desmantelamento e privatización do sistema sanitario público do Partido Popular.

Mobilizacións na universidade

Mercantilizar un ben universal como a educación atenta contra a igualdade de oportunidades. Malia isto, e a falta de que o Parlamento galego aprobe a Lei que permita a creación da nova universidade privada promovida por Abanca, todo indica que a Xunta deixará ben atada esta cuestión antes de que remate esta lexislatura.

Por iso a CIG, CCOO, UGT e as organizacións estudantís Erguer, ANEGA, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes impulsaron a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública: para loitar contra a súa privatización.

A primeira mobilización terá lugar este martes 11 de febreiro, con concentracións en todos os campus universitarios. Non podemos consentir que, logo de regalarlle as caixas ao banco venezolano Banesco, agora se continúe co proceso de espolio dos nosos servizos públicos coa creación da Universidade Intercontinental da Empresa, mentres se lles nega ás tres universidades públicas a implantación de novos títulos de grao e posgrao.

Volver