Povisa pretende reducir consultas, probas e intervencións de doentes do SERGAS que non lle aporten “valor engadido”

Quere aproveitar esa “liberación de recursos” para mellorar o tempo de resposta aos privados
Vigo - 09 Xul 2019

A CIG da comarca de Vigo vén de denunciar que a empresa POVISA se marcou como obxectivos para 2019 “reducir todas as actuacións –consultas, probas, intervencións…- en doentes SERGAS que non lles aporten ningún valor engadido”. Deste xeito pretende “aproveitar esa liberación de recursos para mellorar cada vez máis o noso tempo de resposta a doentes privados” e aumentar os seus beneficios.

A CIG de Vigo tivo coñecemento dunha parte dos obxectivos da empresa e denuncia que “afectan, ou poden afectar á cidadanía que ten asignada a súa asistencia sanitaria pública nese hospital”. Esta decisión teríase adoptado, segundo a central sindical, logo de POVISA declarar que a súa actividade privada estaba medrando pero que aínda así non conseguía compensar as perdas do concerto co SERGAS.

Lembra que recentemente sóubose, a través dos medios de comunicación, que a empresa declarara estar en perdas que relacionaba co concerto que ten asinado co SERGAS.

Criterios científicos

De estes obxectivos a CIG de Vigo considera que se pode deducir que “estaban facendo consultas, probas ou intervencións que non aportaban valor engadido ás persoas que se sometían a elas, co conseguinte incremento do risco de efectos secundarios que isto supón”. De ser así, este obxectivo marcado pola Dirección de POVISA “poría en cuestión os criterios científicos do seu persoal facultativo responsable desas indicacións”.

Con todo, para a central sindical cabe outra interpretación, que o que estean intentando é “mudar os criterios científicos nos que se basean as indicacións de consultas, probas ou intervencións, para así reducir o número delas e favorecer a consecución do segundo obxectivo: incrementar a actividade privada e obter máis beneficios, iso si, a costa dos cartos que todas e todos pagamos cos nosos impostos para financiar á sanidade pública; e tamén podería ser que a costa da saúde das persoas que teñen a POVISA de hospital de referencia”.

Dereitos convertidos nun negocio

Diante disto, a CIG de Vigo advirte que “converter os nosos dereitos nun negocio para uns poucos, mercantilizar a enfermidade, e facer negocio con ela, pode ter consecuencias de difícil reparación”. Por isto reitera a súa defensa da Sanidade Pública, “financiada con cartos públicos e prestada por traballadoras e traballadores públicos que teñen como único interese o beneficio das persoas que atenden, non o de ningún accionista ou inversor”.

Reclama por iso unha investigación inmediata e transparente por parte das autoridades sanitarias responsables de garantir o dereito a unha asistencia sanitaria de calidade, en condicións de igualdade e equidade para o conxunto da cidadanía galega, tamén para a que ten a POVISA de hospital de referencia.