Precarización laboral: un triunfo empresarial

Juan J. Paz y Miño Cepeda - 06 Mar 2024

Liberais, neoliberais e libertarios contemporáneos imaxinan que o mercado libre podería operar como supoñen que ocorría na época de Smith. E desde as dúas últimas décadas finais do século XX promoveron a flexibilización das relacións laborais, que implica a anulación dos dereitos historicamente xa avanzados

 Aínda que Adam Smith (1723-1790) é considerado como o fundador da economía liberal clásica, os liberais, neoliberais e libertarios contemporáneos nunca foron consecuentes coa teoría do valor-traballo de Smith, senón que a rexeitan. É dicir, refugan precisamente o lado científico do fundador, para se dedicaren ás simples consideracións do mercado e os prezos. E esténdeno ao que bautizaron como “mercado laboral” ou “mercado do traballo”, co cal borran toda consideración sobre os dereitos laborais, que só aparecen como atrancos ou empezos ao mercado libre e aos empresarios.

 Pero Smith viviu a época de inicios do capitalismo, mentres que os liberais contemporáneos, entre os que hai que sinalar os de máis son, como Friedrich von Hayek (1889-1992), Milton Friedman (1912-2006), Ludwig von Mises (1881-1973), Murray Rothbard (1926-1995) e outros tantos entre a Escola Austríaca e o Anarcocapitalismo, viviron a época que vai do imperialismo á crise civilizatoria do presente. Smith apenas puido observar o problema social creado polo capitalismo, aínda que tivo a perspicacia de comprender que do traballo dos obreiros proveñen as ganancias dos capitalistas, unha realidade que considerou algo propio ás “leis naturais” do sistema. Por iso, foron os críticos do liberalismo clásico, que experimentaron directamente as enormes consecuencias sociais da miseria obreira e a opulencia das burguesías, os que desenvolveron teorías anticapitalistas ao ritmo do avance do século XIX. Practicamente na segunda metade dese século, Karl Marx (1818-1883) espiu as leis do capitalismo e descubriu, superando a Smith, que a burguesía se apropia da plusvalía, é dicir, do valor creado polos proletarios, por riba do valor da súa forza de traballo.

 Durante o século XIX foron crecentes as reivindicacións obreiras; e as súas accións, sempre reprimidas mesmo en forma sanguenta, inevitablemente conduciron a que os Estados comezasen a proclamar dereitos laborais, para evitar non só a agudización do que Marx chamou loita de clases, senón polo temor dunha revolución social que conducise ao socialismo. Todos eses procesos foron amplamente estudados por unha xigantesca cantidade de obras e artigos, que afirmaron o desenvolvemento das ciencias sociais.

 Mais, sen dúbida, América Latina seguiu procesos diferentes. O colonialismo europeo foi o que marcou as bases estruturais do subdesenvolvemento, a dependencia e a extrema polarización social que herdaron os Estados nacionais, unha vez concluídas as guerras de independencia anticolonial na rexión. Durante o século XIX foron illadas e poucas as conquistas sociais, como a abolición da escravitude, do tributo de indios ou das formas máis oprobiosas do traballo servil. De xeito que é co século XX e o despegue do capitalismo en América Latina, aínda que en forma diferenciada entre países, cando o desenvolvemento das clases obreiras e o auxe das loitas indíxenas e campesiñas provocaron o xurdimento da lexislación laboral. A consecuencia da Revolución Mexicana, redactouse neste país a Constitución de 1917, que foi a primeira en recoñecer o principio pro operario, xornadas máximas, salario mínimo, descansos, protección de menores e mulleres, sindicalización, indemnizacións por despedimento e outros dereitos dos traballadores, así como dos campesiños sobre as terras. Esa Constitución inspirou o desenvolvemento da lexislación social noutros países latinoamericanos. Desde logo, as conquistas chegaron co ascenso de masas, das clases traballadoras e a acción de intelectuais e políticos sensíbeis ás demandas sociais.

 Ese ascenso foi parcialmente detido pola Guerra Fría, que en América Latina tomou raíces a partir da Revolución Cubana (1959). Os dereitos laborais foron afectados e os empresarios acusaban de “comunista” calquera reivindicación laboral, especialmente se era sindical. As terríbeis ditaduras militares dos 60 e 70 ante todo arremeteron contra demandas laborais e perseguiron a dirixentes. O inicio das democracias estábeis ao comezar a década de 1980 permitiu retomar a defensa dos dereitos laborais. Foi por pouco tempo. Enseguida, os acordos co FMI, a penetración da ideoloxía neoliberal e a globalización transnacional que resultou da derruba do socialismo de tipo soviético, crearon as condicións favorábeis para que as elites empresariais definisen un conxunto de consignas orientadas a flexibilizar e precarizar as relacións laborais, o cal significou o golpe histórico aos dereitos conquistados desde inicios do século XX.

 En definitiva, os dereitos laborais desenvolvéronse ante a necesidade de protexer os traballadores das arbitrariedades dos capitalistas, que na época de Smith sobreexplotaban obreiros que traballaban sobre as 12 horas diarias, recibían salarios miserábeis, non tiñan descansos e peor seguridade. A súa condición humana era morrer traballando para os capitalistas. E similar historia é a que seguiu América Latina, do cal existen estudos e investigacións en todos os campos das súas ciencias sociais.

 Liberais, neoliberais e libertarios contemporáneos non só descoñecen esa historia. Imaxinan que o mercado libre podería operar como supoñen que ocorría na época de Smith. E desde as dúas últimas décadas finais do século XX promoveron a flexibilización das relacións laborais, que implica a anulación dos dereitos historicamente xa avanzados. En América Latina, todos os países con gobernos condicionados polos intereses empresariais alimentaron ese proceso. O resultado é que provocaron a agudización da loita de clases, non solucionaron o problema do emprego, aproveitaron da precarización, do desemprego, o subemprego e a informalidade para presionar contra os marcos legais que protexeron os traballadores formais. Na rexión non hai disposición empresarial para crear, polo menos, economías sociais de benestar.

 É nese marco en que se inscribe a consulta popular e referendo convocados polo presidente Daniel Noboa en Ecuador e que se realizará o 21 de abril (2024). Baixo un clima de inseguridade xeneralizada, desarticulación do Estado e penetración de mafias, que son herdanzas deixadas desde 2017 polos gobernos de Lenín Moreno e do banqueiro Guillermo Lasso, preguntarase á poboación se quere que se modifique a Constitución para poder impor o traballo por horas e os contratos a prazo fixo, actualmente prohibidos por esta Carta. É unha nova estratexia de lexitimación de políticas flexibilizadoras contra os traballadores, que aproveita precisamente a incapacidade de atender ao emprego e que, de ter éxito, a experiencia do país seguramente será replicada noutros países da rexión. Pero tampouco está lonxe a experiencia que comezou a vivir Arxentina, onde toma voo o sui generis libertarianismo, que igualmente se propón arrasar con dereitos laborais. En Ecuador opera de xeito gradual e en Arxentina mediante o shock. Tanto ten: da man de gobernos empresariais e de empresarios presidentes, o libertarianismo ofrece un futuro de maior inestabilidade, explotación e inseguridade. Só o poden parar os propios traballadores.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 5 de marzo de 2024]