Proseguen as mobilizacións das traballadoras da limpeza dos edificios municipais de Lugo

- 22 Dec 2021

As traballadoras do servizo de limpeza das dependencias municipais do Concello de Lugo proseguiron este mércores coas mobilizacións para esixir axilidade na licitación do novo contrato e solucións a actual empresa concesionaria, Lacera, e mais ao goberno local á situación de sobrecarga laboral que sofren pola non cobertura das baixas.

Lacera está prestando o servizo de limpeza en situación de prórroga dende o ano 2016 pero négase dende hai tempo a cubrir as baixas do persoal, escudándose en que ao estar o contrato caducado non se lle aplicaron incrementos económicos e non pode afrontar o gasto das substitucións.

Isto provoca que as compañeiras teñan que asumir unha sobrecarga de traballo cada vez maior para poder prestar o servizo, que repercute na súa saúde e acaba de derivando nun maior número de traballadoras que caen enfermas.

Por iso, con estas protestas queren esixir solucións inmediatas, mais tamén demandar do Concello que axilice ao máximo a licitación do novo concurso "porque a situación actual é insostíbel".