Continúan as protestas en Lugo para exixir a Gadis un reforzo do persoal e que respecte os dereitos laborais

Lugo - 03 Mai 2024

A sección sindical da CIG en Gadis-Cash Ifa de Lugo continuou este venres coas mobilizacións en resposta á abusiva carga de traballo que ten que soportar o persoal e pola continua vulneración dos dereitos laborais. Desta volta, a protesta realizouse diante das tendas Gadis-Cash Ifa que a empresa ten Polígono do Ceao.

Estas mobilizacións iniciáronse ante a falta de resposta de Gadis ás solicitudes de reunión e a negativa a facilitarlle ás delegadas e delegados da CIG (que ostenta a maioría absoluta do comité) a información que ten obriga de entregar. Coincidindo coa realización deste segunda protesta, a empresa convocou o comité a manter unha xuntanza para esta mesma tarde, pero veta a asistencia de asesores/as da CIG.

Para a representación da CIG un dos problemas que máis urxe resolver é o necesario reforzo dos cadros de persoal e que a empresa cubra todas as ausencias que se rexistran nas tendas, tanto nas baixas como nas vacacións.

Reclaman tamén o cese das presións ás traballadoras e traballadores enfermos para que acurten a duración das baixas e que Gadis proceda a regularizar as categorías xa que, das arredor de 700 traballadoras/es que ten na provincia, unha parte moi importante -que a CIG-Servizos calcula no 30% do cadro de persoal- está percibindo salarios por debaixo da categoría que lles corresponde segundo o convenio.

Para tratar estas problemáticas, a CIG leva meses intentando reunirse coa empresa que, até o inicio das mobilizacións e a presentación de denuncias na Inspección, estivo dando largas á representación do persoal.