Pull&Bear négase a rematar coa parcialidade, reforzar os cadros de persoal e mellorar o réxime de descansos

Traballadoras concentráronse nunha tenda da Coruña en defensa dos seus dereitos
A Coruña - 06 Mar 2020

Traballadoras e traballadores de Pull&Bear concentráronse este venres na tenda que a cadea ten na Praza de Lugo da Coruña para demandar que se amplíen as xornadas a tempo parcial a 40 horas, que se contrate máis persoal para afrontar a elevada carga de traballo e que se implante un réxime de descansos lóxico e en consonancia co que existe para o resto das marcas do Grupo Inditex.

Malia que esta cadea foi, xunto con Zara, a avanzada onde se conseguiron os primeiros logros sindicais na mellora das condicións das traballadoras das tendas, nestes momentos "o novo responsábel de Recursos Humanos négase rotundamente a asumir ningunha das demandas que lles formulamos, buscando reverter todos as melloras conquistadas", denuncian dende a sección sindical da CIG.

Unhas reivindicacións que, explican, teñen entre os seus obxectivos principais rematar coa parcialidade que sofren as traballadoras, xa que a maioría dos cadros de persoal de Pull&Bear teñen xornadas inferiores ás 40 horas semanais. "Recursos Humanos négase a subir a 40 horas a todo o persoal que así o desexe, como xa se fixo de maneira negociada no resto de cadeas do grupo, pretendendo perpetuar a contratación precaria en base a criterios que non aplicaron en ningunha outra cadea", advirte Roberto Pérez, responsábel de comercio da CIG-Servizos na Coruña.

 Xunto a isto, Pérez subliña que ás traballadoras se lles aplica un réxime de descansos insuficiente e inferior ao que gozan noutras cadeas, derivado precisamente desta elevada parcialidade e da falta de persoal suficiente para atender a sobrecarga de traballo. Dáse a circunstancia ademais de que, dentro do Grupo, Pull&Bear conta cunhas tendas moi avanzadas a nivel tecnolóxico, "o que xera maior carga de traballo e unha especialización das tarefas moi grande".

Hai un ano, a instancias das delegadas da CIG, a empresa realizou unhas medicións de riscos psicosociais que arroxaron uns resultados "pésimos en canto á carga de traballo, o tempo de descanso, as esixencias psicolóxicas ou o reparto do traballo". Obrigada a tomar medidas correctoras, a proposta da empresa limitouse a intentar cambiar os acordos sobre calendarios para empeoralos, abrir a posibilidade aos traslados obrigatorios entre tendas e a ofrecer 'charlas motivadoras' a realizar fóra do horario laboral.

Inditex dificulta ás traballadoras das tendas poder cobrar a prima de abril

Xunto a isto, a CIG-Servizos denuncia a grave discriminación do Grupo Inditex con todo o seu persoal das tendas ao dificultar que cobren a prima de beneficios que a multinacional reparte no mes de abril entre os traballadores e as traballadoras, tras cambiar os criterios de acceso. Para o persoal de almacén, oficinas e fábrica mantén o mesmo requisito que até agora (que o Grupo no seu conxunto obteña beneficios), pero para o persoal das tendas, onde a maioría son mulleres, agora imponlles que só percibirán esta prima se a tenda na que traballan consegue os obxectivos marcados pola empresa.

Esta decisión totalmente inxusta e que para a CIG constitúe unha discriminación por cuestión de xénero, ten xerado un profundo malestar entre as traballadoras, pois sendo o colectivo que máis parcialidade sofre e o máis  precarizado, o xigante do téxtil aínda pretende penalizalas dificultando que poidan cobrar esa prima, que nalgúns casos supón unha axuda económica importante dados os cativos salarios quer perciben por ter xornadas laborais de poucas horas.