Pull&Bear obriga a reincorporación inmediata do persoal das oficinas centrais impedíndolle conciliar

A sección sindical da CIG pide incorporar só o persoal que precise asistir ao centro para facer o traballo
Ferrol - 27 Mai 2020

Esta semana, Pull&Bear España SA comunicáballe ao persoal das oficinas centrais que a partir do 1 de xuño será obrigatoria a reincorporación ao centro de traballo. Así, cunha escasa marxe, "o persoal con fillos ou fillas ao cargo vese na obriga de buscar unha solución para o seu coidado, sen que a empresa da facilidades para estes casos".

Dende a sección sindical da CIG denuncian que “esta decisión é completamente irresponsábel e inxustificada”, que “pon en risco de contaxio a centos de persoas, ignorando as recomendacións das autoridades sanitarias”. Alén de impactar gravemente "sobre o persoal que ten ao seu coidado fillos e fillas menores, así como persoas dependentes ou outras situacións excepcionais.”

A sección sindical enviou un escrito á empresa solicitándolle que dea marcha atrás e incorpore unicamente o persoal que precise asistir ao centro para desenvolver o seu traballo, de acordo co disposto na lei. Dende a sección asegúrase que “durante estes meses a empresa aproveitou a ambigüidade das leis, obrigando a asistir a parte do persoal incluso durante o período no que a actividade non esencial foi paralizada.”

No escrito tamén se solicita que a empresa poña a disposición do persoal con necesidades familiares especiais “todas as medidas de conciliación posíbeis”, así como “axudas económicas no caso de que sexa preciso contratar a profesionais” para o coidado das crianzas, familiares dependentes,...

Neste senso, explican que durante os últimos meses, a maior parte do persoal das oficinas de Pull&Bear España SA veu realizando o traballo dende a casa con total normalidade. “Na inmensa maioría dos perfís profesionais a presenza na oficina non é necesaria”, afirman dende a sección sindical, que tamén denuncia que “a empresa considera máis importante a volta ao traballo presencial que a saúde das traballadoras e traballadores”.