Que se agocha detrás da pandemia mundial?: O traballo na Cuarta Revolución Industrial

Diego Lorca e Diego Pierdominici - 28 Abr 2021

As novas tecnoloxías ou están ao servizo das e os traballadores, xerando mellores condicións de vida, eliminando o traballo forzoso, repetitivo, dando máis tempo para gozar dunha vida digna, ou estarán en mans dun minúsculo grupo de especuladores financeiros, xerando maior acumulación, explotación e exclusión

 No mundo en que estamos a vivir ás veces resulta complexo atopar respostas concretas e mesmo preguntarse acerca das causas do que nos rodea. Neste artigo tentaremos apuntar algunhas das mudanzas que se observan no mundo do traballo, as súas causas e as súas posíbeis consecuencias. Mudou a pandemia a forma de traballar? Ou afondou as tendencias que viñan xa desde hai anos?

 En 2016 e co gallo do Foro Económico Mundial de Davos, Klaus Schwab, fundador do Foro, estableceu o termo “Cuarta Revolución Industrial” para se referir aos avances tecnolóxicos emerxentes nunha serie de eidos, incluíndo a robótica, a intelixencia artificial, a nanotecnoloxía, o internet das cousas, a impresión 3D, os vehículos autónomos, etc.

 Todas estas mudanzas traen fondas modificacións nas condicións e modos de traballo. Mentres que algúns van desaparecer, outros vanse crear e algúns terán que se adaptar. Mais esta revolución tecnolóxica non xurdiu da nada, senón que ten unha relación intrínseca co desenvolvemento do sistema capitalista e a súa tendencia ineludíbel a investir en medios de produción que acurten os tempos sociais do proceso produtivo.

 Cómpre lembrar que na crise de 2008 -que tivo características de crise orgánica- a especulación do sector financeiro e inmobiliario xerou unha burbulla de diñeiro ficticio sen asento produtivo, que deu en facer estalar o sistema financeiro dominante até daquela.

 O sector tecnolóxico converteuse nunha enorme saída para o capital acumulado, non investido fronte ao estancamento. Isto implicou a transformación de toda a estrutura de procedementos da produción manufactureira e de comercialización. Ademais, a creación de plataformas dixitais e a expansión da conectividade no mundo permitiu a aceleración deste proceso.

 A pandemia de coronavirus, que comezou segundo a Organización Mundial da Saúde o 11 de marzo de 2020, veu acelerar estes procesos de dixitalización da economía a unha velocidade poucas veces vista. Mais esta crise sanitaria, que se suma á crise financeira e económica mundial, non afecta a todos por igual. Vemos hoxe como a maioría das e os traballadores perden, mentres que os que gañan son un moi reducido grupo de empresarios.

 Por todo o dito, afirmamos que a pandemia veu acelerar procesos e tendencias que xa viñan acontecendo hai anos.

Aumento mundial da desocupación e a explotación

 Segundo o informe da Organización Internacional do Traballo “A COVID-19 e o mundo do traballo. 7ª edición”, en 2020 perdeuse o 8,8% das horas de traballo a nivel mundial con respecto ao cuarto trimestre de 2019, equivalentes a 255 millóns de empregos a tempo completo. A perda de horas de traballo en 2020 foi aproximadamente catro veces maior que a rexistrada durante a crise financeira mundial de 2009.

 A cantidade de persoas desocupadas a escala mundial aumentou en 33 millóns en 2020, e a taxa de desocupación aumentou ata o 6,5%. Ademais, estímase que os ingresos provenientes do traballo a escala mundial en 2020 diminuíron un 8,3%, a saber, 3,7 billóns de dólares, ou sexa o 4,4% do PIB mundial.

 Así, a automatización, a robotización e a intelixencia artificial abren unha nova etapa na configuración mundial do traballo, orientada ao “coñecemento”, conformando novas fraccións dentro da clase traballadora que agudizan as diferenzas salariais no interior da clase.

Por unha banda, comeza a xurdir unha fracción da clase traballadora vinculada aos traballos do sector da información, un grupo moi diverso unido polo uso da máis moderna tecnoloxía da información para o tratamento, manipulación, identificación e procesamento de datos. Son creadores, manipuladores e procesadores dos fluxos de información, que fan posíbel esta Nova Fase Dixital do Capitalismo. Esta fracción está formada por científicos/as, investigadores/as, enxeñeiros/as de deseño, analistas de software, investigadores/as en biotecnoloxía, banqueiros/as, investidores, deseñadores/as urbanísticos, consultores financeiros, arquitectos/as, planificadores/as estratéxicos, etc.

 E doutra banda obsérvase como tendencia xeral un aumento do traballo informal e precario e a subocupación, ademais dun crecemento da explotación laboral e a expulsión de grandes masas de traballadores do proceso produtivo. Deste xeito, as economías globais poderíanse clasificar en: un segmento avanzado, integrado globalmente, que emprega a unha minoría da forza laboral con altos graos de formación e remuneración, e un amplo segmento de baixa produtividade que absorbe a maior parte da forza laboral, con baixos salarios e condicións moi precarias.

Poucos gañadores: As grandes empresas tecnolóxicas ante a pandemia

 A transformación da economía en servizos de plataformas dixitais cambia a forma de traballar e de acumular riqueza. Esta transformación preséntase baixo a aparencia de “maior liberdade” para a clase traballadora, xa que agora pode “decidir cando, onde, canto e como traballar”, pero o que realmente se agocha é o seu maior grao de dependencia. Nesta forma de mediación virtual, non existen responsábeis polas condicións das e os traballadores, pero si existen persoas que acumulan ganancias a unha gran velocidade.

 Segundo a revista Forbes, que actualizou a súa listaxe dos empresarios máis ricos do mundo este 6 de abril, 7 dos primeiros 10 multimillonarios máis adiñeirados proveñen da industria tecnolóxica. Segundo a revista; “en total, os 2.755 multimillonarios que forman a listaxe suman 13,1 billóns de dólares, fronte aos 8 billóns de 2020. Estados Unidos segue sendo o país que conta con máis ricos, con 724, seguido de China (incluíndo Hong Kong e Macau) con 698”.

 Agora ben, como é que puideron acumular tanta riqueza estes 2.755 multimillonarios nun mundo atravesado por unha profunda crise?

 En primeiro lugar, pola restrición na circulación das e os traballadores, como sinala Giménez : “así como baixo o capitalismo industrial o traballador foi conducido cara á fábrica, onde foi disciplinado a través do medo á morte por fame e tamén organizado baixo a lóxica do traballo común, hoxe os cambios estruturais na súa fase dixital empurran as clases subalternas cara ás ‘novas fábricas’ do territorio virtual, coas súas plataformas e redes sociais; construíndo novos valores organizativos”. Segundo o informe dixital-2020 (de wearsocial.com), a metade da poboación mundial (3.800 millóns de persoas) utiliza actualmente as redes sociais. 4.540 millóns de persoas están agora en liña, cun aumento interanual de 298 millóns, ou sexa o 7%, polo que nos achegamos a unha penetración de Internet do 60%. O usuario medio de Internet pasou 6 horas e 43 minutos por día en liña en 2020, máis de 100 días en total.

 Isto xera unha dependencia por parte de todas as empresas, institucións e persoas, do servizo que poidan brindar estas Big Tech. Grandes fluxos de información que, a través dun complexo sistema de algoritmos, estas empresas converten na fonte da súa riqueza. Controlan desta forma os tempos sociais de produción de todas as demais ramas da industria e do comercio.

 Isto non é novo, como afirmamos anteriormente. Xa en 2018, máis da metade dos habitantes do planeta utilizaba internet. A porcentaxe de usuarios situouse no 51,2%, o que supón un aumento de 2,6 puntos respecto de 2017.

Outra parte destas ganancias provén da baixada de salarios a nivel mundial e do aumento da xornada laboral. Segundo un estudo realizado por Adecco Arxentina ao comezar a corentena, o 42% das e os traballadores dedican máis horas ao traballo desde a casa que na oficina, mentres que un 40% cumpre exactamente as mesmas horas coma se estivese no seu lugar de traballo. Isto é posibilitado polo gran exército de desocupados/as que presionan sobre as condicións salariais dos ocupados/as e aumenta a loita entre traballadores por salarios e postos de traballo.

 Finalmente, unha última parte deriva da restrición da circulación das e os traballadores. Segundo datos da OIT do informe antes citado: “Durante todo o ano o 77 por cento dos traballadores se viron afectados por esas medidas, o que implica unha porcentaxe moi próxima do valor máximo do 85 por cento alcanzado a finais de xullo de 2020”.

 Isto permitiulles ás empresas aforrar en infraestrutura, eventos corporativos, enerxía e subministracións, axudas de custa, viaxes, vehículos de empresa, fornecementos electrónicos, entre outros gastos fixos anuais. Segundo un estudo levado a cabo por Global Workplace Analytics, a compañía internacional de investigación e consultoría sobre as e os empregados, o aforro medio en inmobles con teletraballo a tempo completo é de 10.000 dólares ao ano por empregado/a.

As e os traballadores fronte á crise

 As e os traballadores combinan novas e vellas formas de loita en defensa dos seus dereitos e condicións laborais, utilizan as rúas e tamén o territorio virtual para reclamar, organizarse e loitar polos seus dereitos. Vimos en Francia como o movemento de “Chalecos Amarelos” se organizou a través das redes sociais e saíron en conxunto ás rúas presionando ao goberno nacional. O que comezou como unha demanda por un aumento de gasolina transformouse rapidamente nun rexeitamento das políticas neoliberais.

 Na India tivo lugar a “Manifestación máis grande do mundo” da que se teña rexistro. O 26 de novembro, 250 millóns de agricultores mobilizáronse por todo o país, o que significa o 3,3% da poboación mundial e que deixou máis de 64 mortos e centos de feridos. Detectando a importancia da virtualidade para construír organización, o Goberno realizou 134 cortes de internet, o 68% de todos os que suceden no mundo.

 En Chile as manifestacións que comezaron por un aumento de 30 pesos no transporte público, tamén foron a máis nun proceso onde a maioría do pobo saíu ás rúas a pedir un cambio da constitución neoliberal e contra o goberno de Sebastián Piñera. E a loita continúa.

 Outro exemplo de loita véñeno dando as mulleres traballadoras que este 8M tamén inundaron as redes e as rúas de todo o mundo. E así poderiamos seguir citando exemplos de manifestacións por todo o planeta.

 Nas empresas tecnolóxicas o panorama de loita non é diferente. No Reino Unido, o Tribunal Supremo sentenciou que as e os traballadores de Uber teñen dereito a acollerse á lexislación laboral vixente, o que abre as portas para obter un salario mínimo ou vacacións pagas.

 En xaneiro deste ano, uns 200 traballadores de Alphabet Inc, a empresa matriz de Google, formaron un sindicato para velar polos principios de igualdade no traballo e pola observación de principios éticos no modelo de negocio. A formación deste sindicato, o primeiro que se crea entre as grandes tecnolóxicas, é a consecuencia directa de protestas sen precedentes no seo da compañía, e dun ano de organización en secreto.

 Ou as novas tecnoloxías están ao servizo das e os traballadores, xerando mellores condicións de vida, eliminando o traballo forzoso, repetitivo, dando máis tempo para gozar dunha vida digna, ou estarán en mans dun minúsculo grupo de especuladores financeiros, xerando maior acumulación, explotación e exclusión.

 O curso que poidan tomar os acontecementos dependerá da participación activa dos traballadores e traballadoras, e de que estes logren construír un programa estratéxico que poña por riba o benestar xeral da clase traballadora.

 

[Artigo tirado da revista dixital América Latina en Movimiento, nº. 552, abril 2021]