Queremos Galego cita a sociedade o 17 de maio en Compostela, nunha grande mobilización en defensa da nosa lingua

A marcha partirá ás 12h da Alameda e percorrerá as rúas da cidade baixo o lema "O galego, lingua vital"
Nacional - 29 Abr 2026

Queremos Galego e organizacións políticas, sindicais, profesionais, sociais e culturais que participaron na elaboración do protocolo Lingua Vital presentaron esta mércores en rolda de prensa os pormenores da manifestación que percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro 17 Maio, en defensa da nosa lingua.

"Unha grande mobilización cidadá que enfronte a negativa da Xunta a garantir os dereitos lingüísticos da súa cidadanía coa forza, a unidade e o traballo conxunto dunha sociedade que defende o seu idioma porque sabe que é vital para a súa existencia", en palabras do voceiro da plataforma, Marcos Maceira.

Maceira lamentou que a Xunta sexa "incapaz de ofrecer máis alternativa á emerxencia lingüística que negarse a mencionala" e cualificou a incapacidade da Xunta para cumprir os prazos de renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que ela mesma fixou "non só de desleixo, senón de mostra do profundo desprezo que teñen por Galiza e o seu idioma".

Neste sentido, o voceiro de Queremos Galego denunciou que "a única actualización do PXNLG que estamos a ver é o de limitar máis o seu alcance para convertelo nun plan de enterro do galego" e afirmou que contra a inacción da Xunta existe "unha alternativa sólida, nacida dun proceso amplo, participativo e plural sobre o que comezar a reverter a emerxencia lingüística: o Protocolo Lingua Vital".

"O Protocolo Lingua Vital é o primeiro resultado desa forza, unidade e traballo conxunto que se verá nas rúas o 17 de maio e que comezaremos a aplicar na parte que corresponde ás entidades sociais", asegurou Maceira, "traballando pola oficialidade real en todos os territorios de lingua galega, conxuntamente, as entidades que participamos no proceso.

 A coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, explicou que a marcha sairá ás 12h da Alameda de Santiago e que haberá buses dende todas as comarcas. Armas agradeceu a presenza na rolda e a colaboración no proceso Lingua Vital das diferentes entidades, entre as que está a CIG.

Lembranza a Begoña Caamaño e ao seu activismo en defensa da nosa lingua

Armas lembrou, tamén, a Begoña Caamaño, homenaxeada no Día das Letras deste ano, lendo un texto que a xornalista e escritora publicou no 2010, denunciando o uso de expresións como “bilingüismo harmónico”. "O termo bilingüismo harmónico, cuñado pola administración Fraga, foi se seu unha falacia, unha completa mentira; non podemos falar en termos de harmonía cando hai unha situación tan disimétrica entre o castelán e o galego", denunciaba Caamaño.

E arremetía contra o decreto do plurilingüísmo, asegurando que con ese texto "van asinar non a defunción, senón a execución do galego". "Fraga pretendía que o idioma morrer ‘de morte morrida’, pero seica estes son máis impacientes e o galego estalles a resultar un moribundo demasiado lento e molesto" afirmaba Begoña Caamaño.