Queremos Galego convoca unha manifestación para o 17 de maio baixo o lema ‘En galego día a día’

A mobilización sairá ás 12:00 horas da Alameda compostelá
Nacional - 23 Abr 2018

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 500 colectivos sociais de todo tipo, anunciou este luns a convocatoria dunha multitudinaria manifestación para o 17 de maio baixo o lema “En galego día a día”. A manifestación percorrerá as rúas de Santiago de Compostela saíndo ás 12h da Alameda para reivindicar o esforzo de miles de persoas e colectivos para normalizar a lingua “fronte o 155 lingüístico da Xunta”

O anuncio foi realizado polo voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, quen compareceu acompañado de membros da Xestora da plataforma cidadá, que sinalaron que ao longo dos próximos días, e até a data da convocatoria, se desenvolverán diversos actos nas comarcas galegas para informaren da convocatoria.

Na web www.queremosgalego.gal indicaranse os horarios e prezos dos buses que se porán ao dispor de todas as persoas que desexaren acudir a Compostela a impulsar a plena normalización da lingua galega.

En galego día a día

Queremos Galego reclamará este 17 de maio o día a día das persoas que fan que a lingua viva mais ás que se lles exixe un esforzo que non terían que facer se quixeren utilizar unha lingua plenamente normal.

Este día a día é que consegue manter viva unha lingua que non só non conta con amparo institucional senón que recibe desamparo e agresividade sistemática.

Co lema “En galego día a día” a plataforma cidadá pretende reivindicar o apoio social crecente á lingua galega que contrasta coa actitude da Xunta de Galiza que mantén un 155 lingüístico de facto.

Segundo indicou o voceiro da Plataforma, Marcos Maceira, “en Galiza é o propio goberno galego, co presidente Feixó á cabeza, quen actúa como un vulgar delegado do goberno español, renegando das funcións que lle dá o estatuto de autonomía e da alta representación de Galiza que debería exercer”. Como consecuencia, sinalou, “o galego é o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes e carece de apoio do seu propio goberno”.

O 155 lingüístico de Feixó

“O  155  de Feixó anula as competencias e a capacidade da Xunta de actuar e lexislar a favor do galego, e polo tanto todos os artigos ao respecto do Estatuto, a LNL,  ou acordos parlamentares unánimes como o PXNLG. En Galiza nin se aplica nin se aproba ningunha lexislación a favor do galegomais si se aplican as máis de 500 disposicións legais que obrigan ao uso do español en diferentes ámbitos”.

“Existe unha sociedade que actúa día a día para repor e normalizar a lingua galega, a través de centos de colectivos e entidades e en ámbitos moi diversos” e que estarán representados como todos os anos no acto final da manifestación. Indicou tamén que “son moitas as persoas que sen falar galego aspiran a vencer as barreiras de todo tipo que lle impeden o mínimo de seguridade precisa para facelo e que demandan mudanzas que faciliten a súa instalación na lingua propia de Galiza”.

“É o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario, e quen exerce as obrigas da Xunta de Galiza e coa mobilización diaria consegue avances. Grazas ao activismo social o galego conseguiu pequenas vitorias que dan mostra forza do pobo galego, mais tamén de todo o que falta por avanzar”.

Como exemplo citou as compañías de seguros que comezan a cumprir a lei e ofertar pólizas en galego; compañías de telefonía móbil que se obrigadas a rectificar anuncios de desaparición das opcións en galego; ou transnacionais que modificaron regulamentos internos que impedían o uso do galego,non porque actúe a administración senón por acción da sociedade.“Canto mellor estaría o galego se a administración actuase minimamente?”, perguntouse.

Propaganda fronte ao día día

Porén por parte do goberno galego a única actuación é a propaganda coa anuncio dun novo Plan, esta vez para a mocidade.Maceira instou á Secretaría Xeral de Política Lingüísitica e ao Presidente Feixó, a comezar por eliminar as prohibicións de uso do galego e a consideración como lingua extranxeira no ensino.