Reclaman no Parlamento o recoñecemento de coeficientes para a xubilación anticipada do persoal gardacostas

A CIG-Administración Autonómica reuníuse cos grupos parlamentarios para abordar esta cuestión
Nacional - 10 Mar 2022

Representantes da CIG-Administración Autonómica reuníronse este xoves con representantes do grupos parlamentarios do BNG e do PSOE e onte co grupo Popular para demandar o recoñecemento de coeficientes redutores para o persoal gardacostas de Galiza. Entenden que “é vital a consideración das especiais condicións de traballo” destas traballadoras e traballadores e que, por iso, é fundamental ese recoñecemento para a xubilación anticipada”.

A lei do servizos de gardacostas de Galiza é de 2004 pero, segundo explica a responsable nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, este persoal viña desenvolvendo as súas funcións desde o Servizo de Protección de Recursos Mariños.

Isto implica, que “levan 30 anos, desde o traspaso competencial á Xunta sen recoñecemento coeficientes xa que pasaron do réxime especial do mar ao réxime xeral”.

Así o trasladou a representación da CIG-Autonómica aos grupos parlamentarios, matizando que o Servizo de Gardacostas da Xunta de Galiza conta con diferentes escalas de persoal como a de axentes, executiva, operativa, técnica e de inspectores veterinarios e explicando que “dispoñen de medios para realizar as tarefas de vixilancia, control e salvamento, bases e embarcacións de vixilancia e inspección e incluso de remolcador e buque de salvamento e tamén helicópteros”.

Competencia exclusiva

Burgos lembrou ademais que Galiza ten competencia exclusiva en materia das súas augas interiores, marisqueo e acuicultura e que “dada a importancia económica e social que para o noso país ten este sector, defendemos o reforzo do seu persoal e das súas funcións como fundamentais e rexeitamos a deriva de funcións de competencia autonómica cara a Garda Civil, ou incluso a Policía Nacional, ambos corpos e forzas de seguridade do estado español”.

Xunto a isto lembrou as condicións xeográficas galegas con tantos quilómetros de costa, a necesidade de levar adiante as funcións e operativos polo coñecemento da xeografía e das peculiaridades de pesca, a complexidade da nosa costa de cara a operacións de salvamento, control do furtivismo ou mesmo traballos de Inspección e salvamento en augas exteriores, mediante un acordo de colaboración con medios do Estado español.

Circunstancias que fan necesario o reforzo deste servizo para que “Galiza asuma todas as competencias propias respecto ao relacionado co mar, para o que precisamos maiores medios e persoal e mellores condicións laborais”.

Xubilación anticipada

Por todo isto, a CIG-Administración Autonómica considera que “é vital a valoración e o recoñecemento de coeficientes redutores para a xubilación anticipada” polas funcións que desenvolven.

A responsable nacional subliñou os efectos que o traballo ten a medio e longo prazo sobre a súa saúde e, polo tanto, a calidade de vida e considerou que “debe valorarse conxuntamente a sinerxia da especial penosidade das funcións do mar e o traballo en embarcacións de todo tipo, do traballo no salvamento, as quendas, a toxicidade en materia de contaminación mariña e as tarefas policiais e de vixilancia e inspección que realizan como axentes de autoridade, o que fai máis que xustificada a aplicación de coeficientes redutores”.

Resposta dos grupos parlamentarios

O grupo parlamentario Popular comprometeuse a repetir a iniciativa presentada xa en 2016, na que instaban á Xunta a solicitar o encadramento deste persoal no REMAR e, á súa vez, á revisión dos coeficientes aplicados nese réxime xeral.

Pola súa banda o BNG, que ademais presentou recentemente iniciativas no Congreso das e dos Deputados, comprometeuse a reforzar as iniciativas e traballar por varias vías para conseguir a xubilación anticipada.

As representantes do PSOE, que xa eran coñecedoras da materia, consideraron que é de xustiza, indicaron que van estudar os camiños para instar ao recoñecemento dos coeficientes redutores deste persoal funcionario e que non se quede atascado como xa pasou en anteriores ocasións.

A CIG-Autonómica valora de xeito moi positivo estes encontros pero “somos sabedoras de que a intención política axuda, pero sen a iniciativa da Xunta, cun expediente argumentado e a aprobación do goberno do Estado español, vai ser difícil”, matizou Zeltia Burgos, quen indicou que xa teñen solicitado reunión con Función Pública e a consellaría do Mar, así como cos ministerios afectados para seguir a traballar neste recoñecemento.