• Nova

Reclaman persoal de enfermería para cubrir a demanda asistencial no PAC de Lalín

Denuncian que o equipo completo deixa o PAC na quenda de noite cando hai unha urxencia
Compostela - 17 Xun 2022

O persoal do PAC de Lalín, reclama a presenza dunha segunda enfermeira na quenda de noite, para cubrir o descuberto existente e garantir a calidade necesaria na prestación dos seus servizos. “Non é un problema salarial, senón de calidade asistencial e poder garantir unha prestación de servizos eficaz e segura á poboación”, aseguraba esta mañá en rolda de prensa a CIG-Saúde.

O PAC de Lalín atende á poboación dos concellos de Agolada, Rodeiro, Dozón e Lalín. Deste xeito, calquera desprazamento que obrigue á saída do equipo de médico e enfermería, provoca que o PAC de Lalin quede só coa presenza dun médico mais sen axuda de enfermaría e será ese profesional o encargado de atender tanto as urxencias que estean de presenza no centro, como as que se produzan en calquera dos domicilios dos concellos da súa área de inflluencia.

Segundo denunciaron, isto xa ten provocado situacións moi preocupantes do punto de vista asistencial, xa que calquera urxencia vital debería ser atendida por 2 profesionais, que é a reclamación do persoal.

A ambulancia medicalizada non chega ao PAC de Lalín para o traslado dos enfermos, polo que calquera traslado desde o PAC ou domicilio ao complexo hospitalario de Santiago, convértese nun baleiro de persoal dun mínimo 3 horas e media, quedando todo ese momento só unha presenza médica.

Mobilizacións ante o inmobilismo da Xerencia

O persoal iniciou mobilizacións o pasado mes de decembro ante a inactividade da Xerencia da Área Sanitaria de Santiago malia exporlle, de forma reiterada esta situación. “Conseguiuse un persoal de enfermería para a quenda de tarde, que tamén estaba descuberta, pero a da noite segue sen materializarse”.

Os datos que se aportan desde a Xerencia sobre o número de saídas ou intervencións referenciadas ao ano 2021 están, segundo denunciaron, “sesgadas”. Lembraron que nese ano tanto o ocio nocturno, como outras actividades permaneceron pechados durante tempo, polo que “non é valorábel ese período”.

Fronte a isto apuntaron que no último ano que se extrapolaron datos fiables,2019, o PAC de Lalín era o segundo de toda a área de Compostela-Barbanza en canto a número de saídas e era tamén o segundo en canto a urxencias atendidas na quenda de noite.

Apuntaron, ademais, que foron as propias traballadoras e traballadores do PAC que, con máis de 50 notificacións á Xerencia, recollidas en apenas 30 días, expuxeron que o equipo completo abandona o PAC na quenda de noite, provocando que soamente haxa un profesional para dedicar a atención.

Xunto a isto lembraron que no conflito de PACs do ano 2019, na desconvocatoria de folga, no punto 5, recollíase a análise dos ratios a fin de cumprir 1:1 para o persoal médico e de enfermería, análise, de momento, “insatisfactoria e en detrimento da calidade asistencial que se ten que garantir á poboación dos concellos desta zona”.