Reganosa, Forestal del Atlántico e Gadisa renovan contrato con GFS Security malia os incumprimentos laborais e salariais

Ferrol - 03 Xan 2023

As empresas pertencentes ao Grupo Tojeiro, Reganosa, Forestal do Atlántico e Gadisa, comezan o 2023 dándolle continuidade nos seus contratos de seguridade á mesma empresa: GFS Security Group. Isto a pesar de que está a ser investigada pola Fiscalía por cometer un presunto delito de falsificación documental, a través do cal accedería aos contratos que a anterior compañía de seguridade, Prosetecnisa, viña mantendo a nivel nacional cos seus diferentes clientes, entre eles as empresas pertencentes ao Grupo Tojeiro.

A CIG-Servizos de Ferrol lembra que GFS xa foi sinalada pola Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña como responsábel da débeda deixada cos traballadores na provincia pola anterior empresa de seguridade Prosetecnisa, segundo o disposto no artigo 44 do Estatuto dos Traballadores e Traballadoras. O persoal deixou de recibir a nómina íntegra de setembro e as liquidacións correspondentes, ascendo as contías adebedadas a preto de 250.000 euros tan só na provincia de A Coruña, pero GFS non parece ter "a máis mínima intención de facerse cargo desta débeda".

Incluso, engade Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos, "GFS estaría a recoñecer nos actos de conciliación cos traballadores a súa responsabilidade derivada da subrogación, chegando a ofrecer un pago de 100 euros ap mes ao longo de tres ou catro anos, sendo rexeitada de pleno pola parte social pola continua falta de respecto ao traballo realizado e aos dereitos laborais continuamente vulnerados".

A responsabilidade das empresas clientes

Con esta decisión, as empresas clientes "estarían a optar por premiar e prorrogar o modelo de servizo prestado por GFS, dándolle continuidade nos seus contratos de seguridade con empresas que defenden estas prácticas abusivas dedicándose a vulnerar sen os dereitos do persoal".

Pero ademais, subliña Rodríguez, poderían ser investigadas pola Inspección de Traballo, unha vez observadas as declaracións da dirección de Prosetecnisa feitas en setembro, "ao ver unha posible responsabilidade solidaria no caso de que as nóminas de setembro non fosen pagadas polos clientes á anterior empresa Prosetecnisa, nin tampouco ao persoal que presta servizos nos seus centros de traballo, aforrándose o custe a pesar de ter realizado un traballo e que non sería pagado a  ningunha das partes".

Critica a hipocrisía de compañías coma Reganosa, que presumen de cumprir cun código ético interno polo que se respectan as normas laborais e da Seguridade Social, xunto cos máis altos estándares internacionais, tanto co seu persoal como por parte das empresas que prestan servizos nas súas instalacións, ao tempo que contrata e prorroga os servizos con empresas como GFS, investigadas de oficio pola Fiscalía. Unha investigación aberta "por ter supostamente falsificado estes documentos, e sendo coñecedores dos numerosos e reiterados incumprimentos legais cometidos continuamente por GFS nos centros de traballo nos que está presente".

A este respecto, denuncia que o grupo Tojeiro só atenda a un criterio puramente económico para a selección como sería o prezo, "rexeitando de pleno un criterio mínimo de calidade na prestación dos servizos das empresas de seguridade, e moito menos tendo como criterio contratador o respecto á legalidade laboral vixente do persoal afectado".

Represión contra os traballadores e traballadoras

Cómpre lembrar que nada máis entrar no servizo no mes de outubro,  GFS decidía apartar sen ningunha explicación a tres traballadores do centro de Reganosa en Mugardos, senda un deles membro do comité na provincia de A Coruña pala CIG. Este compañeiro que finalmente sería despedido no mes de decembro "sen ningunha posibilidade de defensa, nin de poder responder as acusacións vertidas cara el".

Para a CIG-Servizos de Ferrol a decisión de GFS constitúe unha represalia obvia contra o traballador pola súa actividade constante en defensa do persoal representado, así como por denunciar os presuntos delitos cometidos por GFS para a adxudicación dos contratos cedidos por Prosetecnisa. "Incluso GFS seguiu os mesmos pasos que a empresa antecesora, Prosetecnisa, negándolle sen xustificación algunha, o pago da nómina de decembro e da correspondente liquidación".

Mentres tanto, os outros dous traballadores, tamén afíns ao modelo sindical da CIG, "continúan a día de hoxe sen poder traballar e sen incorporarse o seu centro de traballo en Mugardos dende hai case catro meses, descoñecendo os motivos polos que se atopan nesta situación". Todo iso tendo en conta que "calquera sanción que pretendesen impoñer aos traballadores atoparíase xa prescrita dende o pasado mes de outubro, motivo polo que deberían de ser reincorporados os seus postos de forma inmediata", apunta Rodríguez.

Vulneración reiterada dos dereitos laborais

 Se ao iniciar a prestación de servizos non proporcionaba ningún equipo de protección individual aos traballadores, chegando a pagarlles 25 euros para que mercasen eles mesmos os seus propios equipos, agora GFS opta por impoñer unilateralmente todas as quendas de vacacións do persoal do centro de Reganosa, sen opción a elixir ningún día por parte das persoas traballadoras.

Deste xeito, GFS incumpre o procedemento establecido no ET,  sen informar á representación legal,  modificando horarios, quendas de traballo e condicións laborais de forma unilateral, "motivo polo que xa foron denunciadas nos xulgados estas prácticas abusivas dunha empresa que conta coa plena aceptación dos seus clientes, os cales, prefiren abaratar custes fomentando estas prácticas antisociais que vulneran sistematicamente os dereitos máis fundamentais dos traballadores/as que están a emprestar servizos nos seus centros de traballo".